SALGAS NA PRAIA DE BELUSO ANTES DA CHEGADA DA CONSERVA E A ÉPOCA DOURADA DE MASSÓ
Texto elaborado por Lucía Sotelo Nogueira, socia da Asociación A Illa dos Ratos e Xulio Laiseca, propietario do restaurante A Centoleira. Fotografías cedidas polo propio Xulio Laiseca, incluída a do encabezamento, que se corresponde a unha vista da praia de Beluso en 1968.
Na praia de Beluso, durante o século XIX, a vida xiraba ao redor da salga. Nos baixos das casas abríanse pequenas fábricas onde se salgaba sardiña, destinada sobre todo a outros portos do Mediterráneo. Barcos cargados de sal chegaban á praia e as mulleres o transportaban en cestas de vimbio, mentres os mariñeiros descargaban a pesca do día.
A praia de Beluso, un lugar onde a memoria sabe a sal
Houbo un tempo no que a praia de Beluso non era un lugar de paseo, senón de traballo. Naquel tempo, a costa de Beluso era un pequeno mundo industrial ligado ao mar. Cara ao ano 1850, existían na zona entre dez e doce fábricas de salga, incluíndo as de Mourisca e Ancoradouro.
Ata ben entrado o século XX, ao redor de 1915 ou 1920, o porto estaba fortemente influenciado polos fomentadores cataláns, expertos na técnica da salga, que transformaron os baixos das casas en auténticas factorías de peixe salgado destinado á exportación a Cataluña.

Nese contexto apareceu a familia Massó, que comenzou a súa actividade en 1816 e acabou converténdose co paso do tempo nunha das grandes industrias conserveiras de Galicia e de Europa. As súas primeiras factorías instaláronse en lugares como Mourisca e A Roiba, desde onde a empresa foi ampliando pouco a pouco a súa actividade cara a Cangas e Bueu.
Ao longo do século XIX, a actividade de Massó foi crecendo ao mesmo ritmo que a pesca da sardiña
O que comenzou como unha actividade ligada á salga tradicional, foi incorporando novas técnicas de conservación e unha maior organización industrial. A finais do século XIX, Salvador Massó e José Estévez de Beluso, primeira xeración do restaurante “La Vizcaína“, hoxe “A Centoleira“, constituíron unha sociedade para a exportación e venta do polbo procedente do seu secadoiro da Illa de Ons, desde onde este produto se enviaba cara ao Mediterráneo.
Foi entón cando Bueu comezou a transformarse. As antigas fábricas de salga deron paso a factorías máis grandes e mecanizadas, capaces de procesar grandes cantidades de peixe.
Durante décadas, a actividad de Massó marcou o pulso económico do pobo: centos de persoas traballaban na fábrica e o porto se enchía de barcos descargando peixe destinado ás liñas de produción.
A historia das antigas fábricas de salga de Beluso tamén reflexa as dinámicas comerciais da época
A factoría da Roiba, situada preto da praia de Beluso, por exemplo, foi vendida polos Massó cunha cláusula que impedía retomar a actividade, evitando desa maneira a aparición de novos competidores.
Deste xeito, a empresa chegou a monopolizar boa parte do mercado da zona, abastecendo tanto aos comerciantes cataláns que regresaban as súas terras como aos compradores franceses, grandes consumidores da salga galega.
A empresa non so creceu en terra. Co tempo tamén tivo a súa propia frota pesqueira e ampliou as súas actividades cara novos caladoiros, o que permitiu á conserveira aumentar a súa produción e consolidar a súa presenza nos mercados internacionais. As latas co nome de Bueu comezaron a viaxar moito máis lonxe da ría, chegando a distintos países europeos e americanos.
Un dos episodios máis singulares desta expansión foi a súa incursión na caza da balea durante o século XX. A través da súa filial baleeira, a empresa chegou a operar barcos e factorías dedicadas a esta actividade en distintos puntos do Atlántico.
Aquela etapa, hoxe vista coa perspectiva do tempo, reflexa ata que punto a empresa buscou novas formas de aproveitar os recursos do mar nunha época de gran crecemento industrial.
Co paso das décadas, aquel mundo foi cambiando. A pesca transformouse, os mercados evolucionaron e moitas daquelas pequenas salgas foron desaparecendo ou transformándose con novos usos.
No caso dalgunhas instalacións menores, os antigos edificios pasaron a albergar escolas, estaleiros, carpintarías de ribeira ou almacéns relacionados co traballo no mar. Outras quedaron simplemente como construcións silenciosas fronte á ría, testemuñas dunha actividade que durante décadas marcou a vida no litoral.
Un caso singular é o de “A Centoleira”, hoxe un restaurante de referencia situado na praia de Beluso. O establecemento, coñecido antigamente como “La Vizcaína”, asentouse nuns terreos adquiridos a finais do século XIX por Vicenta Laiseca Rozas “la vizcaína” e José Estévez Barreiro, de Beluso, ao industrial de salga Agustín Plá y Avalle.

O lugar estaba rexistrado entón como encascador e atadeiro de redes e incluía unha estacada ou secadoiro de aparellos con piares de granito preto do mar. A compra realizouse por 4.550 pesetas, pagadas en boa parte con moedas de prata, un detalle que aínda hoxe parece resoar como eco daquel mundo comercial ligado á sal e ao peixe.
As orixes de Bueu están moi vinculados ao mar a través da pesca e a súa posterior transformación
Hoxe, esa historia non desapareceu, simplemente mudou de forma. No porto de Bueu está agora o Museo Massó, instalado precisamente nos edificios máis antigos do complexo industrial.
O museo conserva instrumentos de navegación, maquinaria, documentos e obxectos relacionados coa pesca e a industria do mar, recordando o papel que esta empresa tivo na economía e na vida diaria da zona. O que antes foi unha fábrica onde se transformaba peixe, é hoxe un lugar onde se conserva a memoria de toda unha cultura marítima.
Camiñar hoxe por Beluso é, en certo modo, camiñar por capas do tempo. Baixo a calma actual aínda se pode imaxinar a actividade doutras épocas: os balandros cargados de sal achegándose á beira, as cestas de vimbio pasando de man en man, os barrís de sardiña aliñados fronte ás casas.
A paisaje cambiou, pero o mar segue sendo o mesmo. E quizais por iso, cando a marea sobe e a ría recupera a seu silencio, aínda parece posible imaxinar aquel antigo bulicio da praia: o ir e vir dos barcos, o aroma do sal e o traballo constante de quen fixo do mar non so un oficio, senón a historia mesma de Bueu.

Lucia Sotelo Nogueira
Socia fundadora da Asociación A Illa dos Ratos.
Licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo.
Educadora ambiental.

2 comentarios
María Carmen Fandiño Monroy
Artículo muy Interesante e instructivo.
Me encanta todo lo que publicitais. Un saludo.
Patricia
Muy interesante el artículo, muchas gracias. Bo día!