O PAPEL DAS MULLERES NAS CONSERVEIRAS

Texto elaborado por David Vidal. Guía no Museo Massó. Fotografías cedidas pola A. C. A CEPA. Neste interesante artigo, imos a falar da incorporación da muller ao mercado laboral na industria da salga e conserva na Galicia dos séculos XIX e XX.

A muller na industria: unha historia de desigualdade laboral

Falarmos de traballo feminino na nacente industria de transformación do peixe da Galicia contemporánea é falarmos de inestabilidade e desigualdade. Era un labor que se realizaba nas factorías de salgadura e de conserva, un dos principais sectores de ocupación nos séculos XIX e XX en fábricas como Massó Hermanos, Antonio Alonso e Hijos, etc; traballo que compaxinaban con outras tarefas diarias como o coidado de familiares e a atención do fogar.

Se ben a salgadura non provocou unha revolución industrial en Galicia, papel reservado á conserva hermética en lata, a ela debémoslle a creación dun novo mercado de traballo ao que as mulleres acabarían por incorporarse masivamente, incluso desde nenas, para acabar sendo máis do 80% da man de obra. De feito, a taxa de ocupación feminina nesta actividade era moi alta en todos os rangos de idade, incluso para casadas con fillos e a terceira idade, por ser non só unha das escasas saídas laborais que se ofrecían (xunto á venta no mercado, fabricación de redes e marisqueo) senón un complemento aos moitas veces insuficientes ingresos familiares que aportaban os homes, dedicados fundamentalmente á pesca.

Comezando coas factorías de salgadura, se tivésemos que definir cunha palabra as súas condicións laborais esta sería a temporalidade, polo propio comportamento biolóxico da sardiña. A súa costeira estendíase durante seis meses desde principios de xullo até xaneiro polo cal os contratos de traballo localizábanse neste tempo. Se ben para os homes eran contratos fixos por seren traballos cualificados e demandados durante todo o ano (fabricación de toneis e tabais, carpintería, etc), para as mulleres eran contratos temporais que expiraban co fin da tempada.

O seu labor era considerado non cualificado a pesar de soportar a maior carga de traballo e nos seus contratos era habitual que non constase o nome da traballadora senón a relación de parentesco cos traballadores masculinos por seren normalmente fillas ou mulleres de mariñeiros ou asalariados da empresa.

Con todo, vemos unha diferencia entre as estibadoras e o resto das traballadoras xa que as primeiras, con maior experiencia, eran contratadas para toda a campaña mentres que as restantes cando a cantidade de traballo requiría a súa presenza.

Descarga de peixe na Garita para a conserveira de Arbones (1950).

Nestas factorías ocupábanse de todas as tarefas agás o salgado e prensado do peixe, reservado aos homes. Estas tarefas combinaban un gran desgaste físico cunha gran desenvoltura manual. Temos por un lado a descarga e traslado do peixe fresco ou salgado á fábrica, a súa clasificación por tamaños e posterior limpeza, e por outro a súa pulcra colocación nos toneis para un perfecto prensado, labor no que destacaban xunto ao estibado pola habilidade manual necesaria para unha correcta presentación do produto.

Non deixa de chamar a atención a pouca estimación por un traballo que destacaba pola súa delicadeza e destreza, cruciais para captar a atención final do consumidor. Esta baixa consideración vén por ser unha tarefa que as mulleres viñan realizando desde sempre nos propios fogares pero trasladado a unha factoría: quen pesca é o home e quen o limpa é a muller (salvo raras excepcións).

A chegada da industria conserveira non mellorou as condicións laborais das mulleres

Esta temporalidade e inestabilidade laboral apenas mudaría a finais do século XIX coa aparición dunha industria conserveira que aínda sendo diferente á salgadura nos seus procesos técnicos e produtivos seguía sendo sensible ás flutuacións da pesca da sardiña. A isto había que sumarlle a importación de nova materia prima como a folla de lata, chumbo ou estaño para a fabricación de envases.

As traballadoras seguían sen ver mellorada a consideración do seu traballo, herdando da salgadura non só a súa baixa cualificación e pésimos salarios, senón tamén as inseguridades de seren ou non chamadas para traballar ou a total dispoñibilidade horaria para entrar na fábrica cando soaba a sirena e deixar inmediatamente o que estaban facendo.

Ao final, esta man de obra barata e flexible equilibraba o balance da empresa e facía competitiva as conserveiras galegas respecto ás francesas, as de maior sona nesta altura e o espello no que se miraban os primeiros conserveiros galegos.

O traballo era semellante ao que viñan realizando nas fábricas de salgadura

As mulleres ocupábanse non só de todo o relacionado coa transformación da pesca (limpeza e selección do peixe) senón tamén de novas tarefas propias do proceso conserveiro (grellado, cocción, fritura, empaquetado e enlatado).

Envasado de sardiña na fábrica de Massó en Cangas.

Nesta cadea operativa había unha paréntese durante a soldadura, oficio exclusivo dos homes, para continuar coa esterilización e unha última limpeza previa á etiquetaxe e empaquetado. Como punto final e para completar a xornada tiñan que baldear a zona de traballo. Falamos dunha semana laboral que non baixaba das 75/85 horas nos momentos de maior carga de traballo, practicamente 12 horas diarias sen descanso dominical.

Coa mecanización da soldadura se eliminaron postos cualificados ocupados por homes que recibían bos salarios e foron as mulleres as que completaban os procesos cobrando menos

Como acabamos de ver, se nas factorías de salgadura o traballo máis destacado e que requiría máis experiencia era o salgado e o prensado, nas fábricas de conserva eran os soldadores o único gremio cualificado. Contaban cun poder case absoluto na fábrica dada a súa enorme puxanza sindical ata o punto que se os soldadores se poñían en folga a empresa víase obrigada a parar a produción.

Este poder mudou a principios do século XX coa mellora na mecanización do proceso de soldadura. Poñen ás mulleres á fronte do pechado das latas pero sen cobrar o mesmo salario que percibían os soldadores co cal non só mellora ostensiblemente a produtividade senón que continuaban abaratándose os custes de produción.

Coa mecanización do enlatado, as mulleres relevaron aos soldadores cobrando menos.

O traballo sempre se distribuía por sexos

Por último, e é algo que se aprecia nos parágrafos anteriores, vemos que tanto na salgadura como na conserva había unha clara segregación no traballo por xéneros. As mulleres axudaban na descarga do peixe mais o seu traballo era esencialmente dentro da fábrica e sempre no mesmo posto de traballo sen ningunha posibilidade de ascenso. En cambio os homes, os menos, eran os encargados dentro da fábrica, os que decidían que traballadoras se ocupaban de cada proceso, os que mantiñan e reparaban a maquinaria e se encargaban dos traballos máis delicados como o salgado, prensado ou a primaria soldadura de latas. A maioría, é recoñecido, realizaban un traballo duro e sacrificado como era saír faenar e traer o peixe.

Se queredes saber máis sobre este temática tan interesante, podedes buscar nos traballos de Luisa Muñoz Abeledo “Género, trabajo y niveles de vida en la industria conservera de Galicia, 1870-1970. Barcelona, Icaria, 2010” e “Los mercados de trabajo en las industrias marítimas de Galicia. Una perspectiva histórica. 1870-1936. Universitat Autónoma de Barcelona, 2010”.

David Vidal
+ artigos

Guía no Museo Massó.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.