UN REGULAMENTO CUNHA GRANDE SENSIBILIDADE SOCIAL
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.
Non é a nosa intención volver sobre o tema agrario ao que xa lle dedicamos tempo e espazo anteriormente no primeiro artigo, senón comentar algúns dos puntos do Regulamento da Liga de Agricultores de Cangas que foi editada en 1900 e impresa no obradoiro gráfico de Barrientos en Vigo.
A constitución de sociedades de calquera tipo e a obrigatoriedade de presentar un Regulamento de intencións e funcionamento, emana da Ley de Asociaciones de 30 de xuño de 1887 que incluía a presentación do mesmo e a súa aprobación polo gobernador civil da provincia.
O Regulamento da Liga de Agricultores de Cangas: un modelo único pola súa meticulosidade e gran sensibilidade social
O Regulamento da Liga de Agricultores de Cangas, na nosa particular consideración, constitúe un modelo único pola súa meticulosidade e nel amósase unha especial sensibilidade social que só cabe atribuirlla a Eugenio Sequeiros como autor e ao seu irmán Xosé como asesor xurídico.
Consta de 104 artigos e dúas disposicións finais, divididos en doce títulos ou capítulos que enumeran diversos aspectos. Sería aprobado pola Xunta Xeral da asociación o 2 de febreiro de 1900 e legalizado polo gobernador civil J. Menéndez Pidal o 14 do mesmo mes, constando como domicilio social da entidade a casa de dona Isabel Barreiro, sita no lugar de Ximeu, parroquia de Darbo.

Analizando as súas pretensións e reivindicacións podemos facilmente deducir cales eran as eivas e carencias das xentes do agro cangués naquelas datas. Como primeira intención lóxica aparece a de asociar aos propietarios de fincas e aos agricultores, apelando á solidariedade de todos os compoñentes e amantes do progreso agrícola, fomentando a defensa dos seus intereses materiais e morais.
Para alcanzar o primeiro obxectivo material, propoñen a creación de mutuas de crédito e beneficencia que anulen a usura e faciliten o aforro, proporcionándolle aos socios recursos pecuniarios ou doutro tipo, indispensables para os seus labores e modus vivendi.
Tamén propiciarán o coñecemento de novos apeiros e prácticas agrícolas de cara ao melloramento de razas e cría de animais, procurando tamén a reparación, mellora e creación de vias de comunicación que permitan unha mellor intercomunicación e movemento dos produtos.
E no referente ao que lle chaman intereses morais, pretenden incentivar o fomento do espírito, contemplando a creación de bibliotecas, a organización de conferencias técnicas e as lecturas en alta voz de libros e xornais que tratasen de agricultura e ciencias afíns coas súas aplicacións, tentando paliar así o alto indice de analfabetismo existente.
Para atallar este déficit cultural tamén propoñen o aumento de escolas rurais de primeiro ensino, de nocturnas de adultos e a difusión da cultura e da instrucción na medida dos seus recursos.
A arbitraxe amistosa nos conflitos entre asociados e a relación con outras organizacións afíns da provincia para a consecución de fins idénticos tamén figuran nestas disposicións que propoñen, asemade, o uso de medios legais de presión ante os poderes constituidos e a intervención directa na formación das corporacións municipais e provinciais mediante a presentación de candidaturas electorais.
Nos capítulos segundo e terceiro desenvólvese o proceso de ingreso mediante impresos e a fixación dos acordos nun libro de actas custodiado polo secretario.
Para maior axilidade no seu funcionamento, a sociedade dividiríase en catro seccións parroquiais, subdivididas á vez en delegacións de barrio segundo o seguinte acordo:
- Primera sección parroquial sería Aldán con seis delegacións de barrio: en Ervello, Espiñeira, Gandón, Menduíña, Piñeiro e San Cibrán.
- Segunda sección sería Coiro con delegacións no Cruceiro, Outeiro, Parada, Sistro, Forte, Espírito Santo, A Pedreira, Boubeta e A Rozada.
- Terceira sección correspondíalle a Darbo con delegacións na Madalena, San Pedro, Cimadevila, Piñeiro, Seixo, Balea e Santa Marta.
- Cuarta sección parroquial pertencíalle a O Hio coas delegacións de Limens, Nerga, Donón, Vilanova, Pinténs, Igrexario e Vilariño.
Cadansúa destas delegacións contaba cun delegado electo e o seu suplente que constituían a Xunta de Sección (ademais de secretario e vicesecretario) e cada un dos presidentes destas catro xuntas conformaban a Xunta Municipal executiva xunto co presidente, vicepresidente, secretario e o contador-tesoureiro.
O capítulo cuarto dedícalle nove artículos aos procesos electorais internos dos cargos directivos e mostran unha certa complexidade pola estrutura da Asociación pero claramente democráticos e inclinados a procurar a claridade e pulcritude nos procesos sen que caiban dúbidas.
De igual maneira, o título quinto, ao recoller os dereitos e deberes dos socios, amosa unha redacción propia dun xurista sobre o ingreso na sociedade, baixas, cotas, censo electoral, asistencia ou participación nas eleccións de cargos. A tolerancia coas ideas e opinións de todo tipo, a responsabilidade nos cargos e o comedimento en palabras e accións tamén forman parte deste ideario que se compromete no asesoramento e apoio dos socios na defensa dos seus dereitos lexítimos ante todos os poderes públicos e administrativos.
Os títulos que van do sexto ao noveno son un longo e matizado compendio de normas e deberes das xuntas e dos cargos representantes en cada unha delas, desde a Xunta Municipal ata as funcións dos delegados e suplentes.
No capítulo dez recóllense unhas disposicións xerais que recollen temas como a obriga de auxilio e atención á familia dun socio en caso de enfermidade e a importancia que se lle daba aos óbitos nestas datas pois procurábase a asistencia ao enterro dos socios cun protocolo establecido para os presidentes e membros das Xuntas respectivas que debían presidir o acto desde o domicilio ata o camposanto.
Os únicos cargos retribuidos eran os de Secretario e Contador-Tesoureiro da Xunta Superior Municipal e noutro dos apartados recóllese todo un Procedemento conciliatorio previo co que se trataba de dirimir os prexuizos ou danos que causaban as desavinzas entre socios e se fose con alguén exterior á asociación, esta cargaría cos custes do proceso xurídico.
O duodécimo e último capítulo fai referencia aos procesos correctivos en casos de impagos de cotas, inasistencia dilatada ás reunións, non aceptación dos fallos dos ditames conciliatorios…
O papel das mulleres eran irrelevante dentro da Liga de Agricultores de Cangas
E para rematar este resumo do Regulamento, que ocupa vintedúas páxinas, temos que puntualizar o incipiente recoñecemento e respecto ao papel das mulleres, tan ninguneadas nestas datas (viúvas, co home fóra no mar ou na emigración…) que aparece recollido no artigo 8º pois contemplaba tamén o seu dereito a asociarse se tiñan máis de vinte anos, actuaban como cabeza de familia e eran, portanto, as donas ou usufructuarias das terras como se contemplaba no inicio do texto legal.
Fóra desta Liga, as mulleres seguían sen dereitos paritarios cos homes e de poderen exercer o sufraxio pois a posición feminina nestas datas era dunha marcada subordinación e marxinalidade, desempeñando un rol prácticamente nulo dentro da vida societaria desta época.
Incluso nos casos excepcionais nos que a muller puidese ser socia polas circunstancias arriba sinaladas, as asociacións católicas recollían nos estatutos que “se hará representar en la Junta por un socio masculino de su elección, mediante carta o comparecencia ante el Presidente y Secretario”, o que as apartaba de acceder a cargos.
Mais, non pensemos que esta marxinación feminina só se producía nas sociedades agrarias confesionais pois nas progresistas, inspiradas pola UGT, as mulleres só podían acceder á categoría de socio pero non a cargos cando ostentasen a cabeceira de familia como acontecía coa Liga de Cangas, o que nos indica cal foi, ao menos, a inspiración dunha parte do seu ideario.
Incluso nas máis progresistas cooperativas obreiras, inspiradas polos republicanos federais e a pesar da súa tendencia igualitaria, tamén se impedía que a muller poidese acceder ao chamado tribunal arbitral ou «Jurado».
Habería que esperar á época republicana para que, ao menos mentres durou, a muller alcanzase o dereito a voto e representación que pronto se vería frustrado pola chegada do franquismo e a súa permanencia durante case corenta anos.

Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024

Un comentario
A liga de agricultores de Cangas (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO […]