EUGENIO SEQUEIROS E A LIGA DE AGRICULTORES DE CANGAS
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.
En 1895 temos constancia dunha Asociación de Socorros Mutuos en Cangas, xérmolo posiblemente da posterior Liga de Agricultores de Cangas, organizada por Eugenio Sequeiros
Os primeiros referentes sobre o societarismo agrario en Galicia datan de 1886 ao crearse en Caldas de Reis unha sociedade mutual agraria para a defensa do gando, modelo que adoptarían outras que se irían constituíndo ao longo do país nos anos seguintes.
Así, en 1895 xa temos constancia dunha Asociación de Socorros Mutuos en Cangas que posiblemente fose o xérmolo da posterior Liga de Agricultores de Cangas, organizada por Eugenio Sequeiros.
Porén, á vista do seu regulamento, semella que esta asociación agraria canguesa vai xa máis alá do mutualismo e se inspira na Sociedade de Agricultores do Lérez, nacida en 1896 que tamén actuaría nos asuntos de índole pública pois no ano seguinte da súa fundación non só se oporían ao proxecto do Ministerio de Fomento para vender os montes comunais senón que ademais presentarían candidatura ás eleccións municipais no ano seguinte, conseguindo representación municipal no concello de Pontevedra.

E nesta evolución cara á intervención no campo político temos que dicir que a Liga de Agricultores de Cangas foi pioneira na súa constitución en 1899, pois o resto das sociedades agrarias canguesas aínda seguirían uns cantos anos co seu específico carácter mutualista e asistencial antes de evolucionar cara ao sindicalismo na época republicana.
En 1911 o presidente da Liga de Agricultores era José Camaño, actuando como secretario José Benito Boullosa, oficial do Concello que presidía a Sociedade de Agricultores local. Desde 1916 e coa cuestión da redención foral de fondo, serían os socialistas Bernardino González, Lestao, Lorenzo Corbacho ou Eusebio Alonso, os que tentarían reorganizar aos labregos pero como xa comentáramos anteriormente (Faro de Vigo do 10-11-2013), veríanse boicoteados no seu labor ao criticaren ao poder municipal en mans dos seguidores de Eduardo Vincenti, xenro de Montero Rios.
Máis tarde, cara a 1922, o movemento agrarista local, moi ambiguo ideoloxicamente, estaría agora tutelado polo lerrouxista radical-republicano Emiliano Iglesias e seguiría unha liña semellante á da anterior influencia socialista pero con maior éxito político, ao colocar a Manuel Cabanelas de alcalde e logo, ao se proclamar a República en 1931, a Francisco Eiroa, por poñer dous exemplos.
Herdeiras desta Liga de Agricultores serían a Sociedad de Agricultores y Productores de Darbo, presidida por Francisco Ferreiro Budiño que nas eleccións municipais de 1931 presentarían candidatura pola conxunción republicano-agrario-socialista e a Sociedad de Agricultores “La Luchadora” de Coiro presidida por Ruperto Fraga Pena que era de tendencia republicano-lerrouxista.
O principal impulsor da Liga de Agricultores de Cangas foi Eugenio Vicente Sequeiros Matos
Non se pode entender a creación da Liga de Agricultura de Cangas sen o papel de Eugenio Vicente Sequeiros, un dos fillos de Modesta Matos Santos e de Manuel Ventura Sequeiros, residentes na Casa-Granxa do Tobal en Darbo.
Este Manuel Ventura era xurisconsulto de profesión e tamén se encargaba da distribución das rendas do sal, exercendo incluso como xuíz e alcalde de Cangas a mediados do século XIX. Outros fillos deste, e irmáns de Eugenio Vicente, eran Xosé (maxistrado, deputado, xuíz municipal… en Pontevedra) e Manuel Ventura, farmacéutico en Cangas.
Eugenio Vicente Sequeiros Matos estudou medicina en Santiago e logo de licenciarse, exerceu como director do lazareto de San Simón cara a 1882. Ao pouco, pasaría a exercer de médico municipal de Moaña, vila da que sería alcalde entre 1892 e 1898, ademais de deputado provincial polo Partido Republicano Federal.

En Cangas sería presidente do Casino de la Unión (1880) e entre 1901 e 1903 acadaría un especial protagonismo durante o longo e enconado conflito entre o xeito e a traíña como presidente da Sociedade de Mariñeiros de Cangas, cargo no que substituíra a José Pastoriza.
Cando se suscitou este conflito, Sequeiros, gran coñecedor dos temas pesqueiros, púxose do lado dos xeiteiros porque como lle dixo ao Ministro de Mariña nunha visita que fixo a Pontevedra “a traíña non é un elemento para satisfacer as necesidades da industria, senón a cobiza duns poucos”.
O Ministro visitaría Cangas o 5 de outubro de 1901 e no día anterior concentráranse máis de dúas mil lanchas do xeito procedentes dos portos entre Fisterra e o Miño e en terra máis de catro mil mariñeiros berraban: “Viva o xeito e morra a traíña!”
Sequeiros, que exercía de anfitrión, díxolle ao Ministro que incluso os numerosos traiñeiros de Moaña estaban dispostos a queimar as embarcacións por prexudiciais se se prohibían para todos.
Esta destacada participación no conflito conlevaríalle o seu procesamento, xunto cos presidentes das demais asociacións mariñeiras, por teren denunciado ao comandante de Mariña de Vigo e aos oficiais das canoneiras de vixilancia da pesca por non cumpriren estas co seu deber de control dos traiñeiros segundo as normas establecidas.
Antes disto, xa tiña organizado en abril de 1899 a Liga de Agricultores de Cangas da que foi presidente, xunto con José B. Boullosa de secretario e que polo seu papel preponderante no conflito mariñeiro, foi relevado no cargo en 1902 por Manuel Cabanelas Pedrosa.
A maioría destes eran seguidores do liberal Montero Rios e do seu xenro e deputado Eduardo Vincenti, o que xustifica o seu papel interventor nas sociedades agraria e mariñeira, aínda que Sequeiros adoitaba identificarse mellor coa corrente republicano-federal á que representaba como deputado.
Eugenio Sequeiros falecería en 1903 aos 49 anos e o seu enterro foi unha sentida manifestación de dor colectiva por parte dos veciños de Cangas e Moaña.
Pouco máis sabemos da actividade da Liga de Agricultores e a penas temos constancia da continuidade do seu proxecto, agás a intención de conseguir para Cangas un campo de experimentación agrícola, xa baixo dirección de Manuel Cabanelas e que se viu frustrado pola falta de apoio do Concello.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
2 comentarios
Carmen Iglesias Rosales
Moi interesantes todos os artigos que publicades no bloc e nos amosades a todos os participantes das rutas da Illa dos ratos, grazas.
A liga de agricultores de Cangas (II) » A Illa dos Ratos
[…] nosa intención volver sobre o tema agrario ao que xa lle dedicamos tempo e espazo anteriormente no primeiro artigo, senón comentar algúns dos puntos do Regulamento da Liga de Agricultores de Cangas que foi […]