OS RATOS CUMPRIMOS DEZ ANOS DINAMIZANDO O MORRAZO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador e presidente da Asociación A Illa dos Ratos.

A Asociación de Animación Sociocultural e Turística “A Illa dos Ratos” nace oficialmente en Cangas o 20 de xaneiro de 2016, cando seis amigos de diferentes ámbitos como a animación sociocultural, o medio ambiente, o turismo ou a cultura, decidiron constituír unha entidade sen ánimo de lucro co obxectivo de dinamizar e diversificar a oferta sociocultural, turística e de ocio na comarca do Morrazo.

Decidimos centrarnos sobre todo na realización de rutas guiadas, coas que poderiamos dar a coñecer e poñer en valor os recursos turísticos de O Morrazo, e na organización de diferentes actividades de dinamización sociocultural e educación ambiental, sempre gratuítas e para todo tipo de público.

Dez anos despois, todas as persoas que forman e formaron parte deste proxecto, podemos sentirnos orgullosos da nosa traxectoria porque neste período organizamos e participamos en multitude de actividades e, sobre todo, alcanzamos a cifra de 911 rutas guiadas polas que pasaron máis de 26.000 persoas, algo que non podíamos imaxinar cando comezamos a nosa andadura.

A Illa dos Ratos iniciou a súa actividade en Cangas en 2016

Os nosos inicios se centraron en Cangas, a vila que nos viu nacer. Co apoio da Concellaría de Turismo e Medio Ambiente, que naqueles momentos ocupaba Tania Castro, chegou o primeiro programa titulado “Verán en Ruta 2016” que incluía as rutas “Massó, o sentir dun pobo”, “O Facho, gardián milenario” e “Intermareal, mar á vista ¡¡¡”.

Foi tal o éxito colleitado, que nos animamos a deseñar novos percorridos que co tempo se converterían en clásicos dos diferentes programas que se levaron a cabo nos seguintes anos: “Senda costeira de Areamilla a Liméns”, “O Hío, de pedra en pedra”, “Cangas 1617, A defensa da Vila”, “Aldán, un condado á beira do mar”, “Cabo Home – Costa da Vela”, “Mulleres da historia de Cangas”, “Rúas con historia”, “Muíños de Coiro”, “Personaxes de Cangas”, “Cangas e o mar” ou máis recentemente “As esculturas de Cangas” o “As terras de Coiro”.

A ASOCIACIÓN A ILLA DOS RATOS CUMPRE 10 ANOS
Asistentes á ruta “Massó, o sentir dun pobo” celebrada o 27 de agosto de 2016.

En 2018, A Illa dos Ratos comeza a facer rutas tamén en Moaña

En 2018 decidimos dar o salto a Moaña grazas a que Moisés Barcia, da Editorial Rinoceronte, contactou con nós porque ía publicar un libro sobre as “Canteiras do Litoral de Moaña escrito pola moañesa Tamara Campo Táboas e ocorréuselle que podería ser interesante organizar unha ruta por esa zona.

Foi entón cando co apoio da Concellaría de Turismo e Promoción Económica comandada por Coral Ríos, deseñamos a nova ruta coa idea de que os asistentes puidesen descubrir a importancia desa actividade levada a cabo nesa zona de Meira, de onde saíu toda a pedra empregada para os recheos de Vigo, para o desenvolvemento económico, social e urbanístico de Moaña e tamén a historia e as anécdotas das posteriores iniciativas empresariais que xurdiron neses novos espazos, como Conservas La Guía ou o grande estaleiro naval Ascon.

Asistentes á ruta inaugural polas “Canteiras do litoral de Moaña” celebrada o 30 de setembro de 2018.

Foi tal a demanda que tivemos que repetir a ruta varias veces e ao ano seguinte non houbo máis remedio que ampliar a oferta. Así xurdiron máis rutas como “A Moaña mariñeira”, “San Martiño”, “Intermareal de Tirán”, “Sendeiro da Fraga”, “Sendeiro de Rialdarca”, “Mulleres da historia de Moaña” e incluso unha ruta literaria sobre o libro “O último barco” de Domingo Villar e, máis recientemente, “A Poza da Moura de Domaio”, “Sendeiro do Barranco do Faro” ou ”O mar de Meira”, en colaboración coa S.D Samertolameu.

Asistentes á ruta inaugural polo “Sendeiro do río do Barranco do Faro” celebrada o 26 de agosto de 2024.

No ano 2025, pechamos o círculo coa realización de rutas na vila de Bueu

En 2025, tras meses dun intenso traballo de preparación previa, presentamos en colaboración co Concello de Bueu o noso primeiro programa de rutas na vila, baixo o título Recoñecer Bueu 2025, ofrecendo un total de 5 rutas diferentes: “Massó, a orixe“, “Mulleres da historia de Bueu“, “Senda litoral de Bueu I“, “Ermelo, o berce do Morrazo” y “Intermareal de Agrelo“, todas elas recibidas cunha grande acollida.

Asistentes á ruta inaugural “Intermareal de Agrelo” celebrada o 26 de abril de 2025.

Ademais das rutas e as actividades, outro aspecto do que nos sentimos orgullosos é “o Blog dos Ratos”

Dende o ano 2020, para completar a experiencia dos asistentes as nosas rutas, e proxectar o noso labor de divulgación tamén no ámbito dixital, vimos desenvolvendo na nosa web www.ailladosratos.org un interesante proxecto de investigación.

Se trata de “O Blog dos Ratos”, un recurso no que os nosos socios e colaboradores externos imos publicando, cada semana, artigos moi interesantes sobre temas como os contidos que expoñemos nas rutas, sobre asociacións e colectivos do Morrazo, biografías de personaxes locais, libros de interese ou contidos de corte medioambiental.

As actividades de animación sociocultural e educación ambiental tamén foron importantes nestes dez anos

Nestes dez anos, tivemos a oportunidade de facer varias actividades de educación ambiental, tanto para diversos centros educativos da nosa contorna coma outras abertas a todo tipo de persoas como as recollidas de lixo mariño na praia de Rodeira.

Participantes na actividade de concienciación ambiental e limpeza de lixo mariño celebrada en Rodeira o 9 de xuño de 2024.

Tamén vivimos intres máis lúdicos e divertidos, gozando coas moitas actividades de animación sociocultural que realizamos durante o Nadal ou o Entroido, nas nosas participacións en Moaña Antiqua, na conmemoración histórica “A defensa da Vila-María Soliño” ou, máis recentemente, nas Prebadaladas que organizamos en Moaña con música, bailes e diversión antes de tomar as xa tradicionais 12 boliñas de queixo e realizar o posterior brinde, coa que preto de 250 persoas recibiron 0 novo ano.

Fotografía dalgúns dos participantes nas Prebadaladas 2025 que organizamos diante do Concello de Moaña o pasado 31 de decembro de 2025 ás 11:00 da mañá.

Con este artigo queremos agradecer publicamente o apoio, axuda e participación das persoas, colectivos e institucións que nestes dez anos teñen colaborado para que A Illa dos Ratos sexa un proxecto consolidado e agardamos que nos sigades acompañando nesta fermosa viaxe, que nesta ano 2026 nos levará previsiblemente a alcanzar as 1.000 rutas realizadas e os 30.000 asistentes.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Vanesa

    Parabens ratiños

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.