AS 600 RUTAS DUNHA GRAN FAMILIA RATONA DA QUE XA FORMAN PARTE MÁIS DE 17.000 PERSOAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, presidente de A Illa dos Ratos.
Tras sete anos de intensa actividade, a Asociación “A Illa dos Ratos” alcanza as 600 rutas guiadas por O Morrazo
Despois de sete anos, o noso proxecto, a Asociación de Animación Sociocultural e Turística “A Illa dos Ratos”, alcanza a máxica cifra das 600 rutas guiadas, unha cota que non podiamos imaxinar cando a principios de 2016 un grupo de amigos que viñamos de diferentes ámbitos como a animación sociocultural, o medio ambiente, o turismo ou a cultura, decidimos adicar parte do noso tempo libre a dinamizar o Morrazo.
Iniciamos a nosa aventura organizando actividades de dinamización sociocultural, concienciación medioambiental e visitas guiadas para dar a coñecer e poñer en valor os recursos turísticos do Morrazo, convencidos de que serían ben acollidas tanto polos nosos veciños e veciñas como polas persoas que nos visitan cada ano.
Pasado este tempo, podemos dicir que non nos equivocamos xa que foron moitas as persoas e grupos que participaron nas nosas actividades ata agora e cumprimos o principal obxectivo que tiñamos que era dinamizar e diversificar a oferta sociocultural, turística e de ocio existente no Morrazo a través sobre todo destas 600 rutas guiadas por zonas de interés ambiental, turístico e cultural polas que pasaron máis de 17.000 persoas.
As nosas actividades comezaron en Cangas, o pobo no que xurdiu o noso proXecto
O 2016 foi o punto de partida, cando co apoio da Concellería de Turismo e Medio Ambiente, que naqueles intres levaba Tania Castro, chegou o primeiro programa de rutas guiadas gratuítas titulado “Verán en Ruta 2016” que incluía as rutas “Massó, o sentir dun pobo”, “O Facho, gardián milenario” e “Intermareal, mar á vista ¡¡¡”.
O éxito colleitado motivounos a deseñar novos percorridos que co paso do tempo convertéronse en parte importante dos diferentes programas que levamos a cabo nos seguintes anos: “Senda costeira de Areamilla a Liméns”, “Cangas 1617, A defensa da Vila”, “Cangas 1617, Outro punto de vista”, “O Hío, de pedra en pedra”, “Aldán, un condado á beira do mar”, “Cabo Home – Costa da Vela”, “Rúas con historia”, “Muíños de Coiro”, “Personaxes de Cangas”ou “Cangas e o mar”.
Con todo, tamén tivemos tempo para facer outras rutas especiais en diferentes lugares. En Cangas organizamos rutas como “Historia das mulleres de Cangas”, “Serra da Madalena”, “Carballal de Coiro”, “Casco histórico de Cangas“, “Cangas na República”, e “Cangas e a súa Semana Santa”. En Bueu levamos a cabo unha ruta titulada “Muíños do Canudo de Meiro” que posteriormente se integraría dentro da programación da Festa do Millo Corvo. Incluso fixemos unha ruta en Pontevedra baixo o título “Lourizán, o paraíso olvidado”.
En 2018 a nosa asociación deu o salto a Moaña coa ruta “Canteiras do litoral de Moaña”
O motivo que provocou o noso desembarco en Moaña foi a publicación dun libro sobre a historia das antigas canteiras do litoral de Moaña, escrito por Tamara Campo Táboas.
Moisés Barcia, da Editorial Rinoceronte, contactou con nós porque ocorréuselle que podería ser interesante que A Illa dos Ratos organizase unha ruta por esa zona. Foi entón cando co apoio da Concellería de Turismo e Promoción Económica, comandada por Coral Ríos, comezamos a traballar no deseño desa nova ruta.
Así xurdiu “Canteiras do litoral de Moaña“, unha ruta coa que conseguimos que os asistentes descubrisen esa importante actividade levada a cabo nesa zona de Meira, de onde saíu toda a pedra necesaria para os recheos de Vigo, e que foi fundamental para o desenvolvemento económico, social e urbanístico de Moaña.
Foi tal o éxito que tivo este novo percorrido que tivemos que repetilo en varias ocasións e iso motivounos para ampliar a oferta con novas rutas como “A Moaña mariñeira”, “San Martiño”, “Intermareal de Tirán”, “Sendeiro da Fraga”, “Sendeiro de Rialdarca” ou “Mulleres da historia de Moaña”. En 2020 incluso estreamos unha ruta literaria sobre o libro “O último barco” de Domingo Villar e en 2023 incorporamos dous novos percorridos baixo os títulos “Historia das rúas de Moaña” e “A Torre de Meira“.
Os artigos que publicamos semanalmente no noso blog completan a experiencia e aportan un gran valor engadido aos asistentes das nosas rutas
Para completar a experiencia dos asistentes ás nosas rutas temos a nosa web, www.ailladosratos.org, onde poden consultarse as características das diferentes rutas que realizamos. Ademais dentro deste recurso temos integrado un interesante proxecto etnográfico e cultural, “O blog dos Ratos”, no que cada semana publicamos artigos relacionados cos contidos que explicamos nas rutas, sobre outras asociacións e colectivos do Morrazo, biografías de personaxes locais, libros de interese ou contidos medioambientais.
Todas estas iniciativas son froito do traballo e implicación de todos os nosos socios, en especial dos que integran a actual xunta directiva: Óscar Rodríguez Martínez (presidente), Lucía Sotelo Nogueira (secretaria), Eloy Gómez Fernández (tesoureiro), Liliana Cancelas Gargamala (vogal) e Xabier Guardado Soliño (vogal).
Todos nós, en nome do resto de persoas que forman ou formaron parte desta aventura, queremos agradecer o apoio, axuda e participación das persoas, colectivos e institucións que teñen colaborado para que o proxecto de A Illa dos Ratos se teña consolidado. Esperamos que nos sigades acompañando nesta fermosa viaxe, que agardamos sexa tan interesante e divertida como o foron estas 600 rutas.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta