UN 2024 DE RUTAS E ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

Con este artigo queremos trasladar o noso agradecemento a todos os asistentes ás nosas rutas, aos colaboradores que redactaron artigos para o noso blog e aos establecementos e entidades colaboradoras, xa que sen a vosa participación e apoio isto non sería posible. 

Para os nosos seguidores, o 2024 foi un ano cheo de rutas, actividades e interesantes contidos no “Blog dos Ratos”

A poucas semanas de que publiquemos o calendario de rutas para o inverno de 2025, chega o momento de facer balance deste ano que agora remata e de darvos as grazas a todas as persoas que participastes nas nosas actividades e que formades parte desta gran familia ratona.

Tamén estamos moi agradecidos a TODOS os establecementos e entidades que colaboraron apadriñando rutas na nosa web ou artigos no blog, con especial mención para o Concello de Moaña, Concello de Cangas, Todomorrazo, Prosaúde, Conservas Lago Paganini, Dental Forte, Taberna Dos Chata, Hotel H4, Naviera Nabia, El Bribón de la Habana, Atlántica Consultores, Hostal y Apartamentos Rodeiramar 2A, Spa Bienestar Moaña, Talenom Asesores, Heladería La Fiorentina e Hotel Prado Viejo.

Coa vosa colaboración, fixestes posible un ano máis este fermoso proxecto e que puidésemos realizar as nosas rutas durante todo o ano, alcanzando un global de 770 rutas realizadas dende 2016 ás que asistiron 21.856 persoas.

Neste artigo falaremos precisamente delas, pero non queremos esquecernos de poñer en valor o crecemento experimentado polo Blog dos Ratos, un recurso que conta xa con máis de 240 artigos publicados sobre temas relacionados co Morrazo e a súa historia, e que reciben semanalmente máis de 950 subscritores e gozan os seguidores da páxina de facebook “Historias do Morrazo“.

A Illa dos Ratos fixo 123 rutas no 2024, cunha asistencia de 3.453 persoas

Cando comezamos con este proxecto no ano 2016, a nosa intención era dinamizar o noso entorno e, a través de rutas guiadas gratuítas, ofrecer unha forma amena e didáctica de coñecer e aprender a valorar os nosos recursos turísticos.

Con mesmo espírito e ilusión que o primeiro día, durante todo este ano colaboramos co Concello de Moaña organizando o programa “Descubre Moaña 2024”, e promovemos con apoios puntuais do Concello de Cangas o programa “Cangas en ruta 2024”, que contou con percorridos por diferentes localizacións da vila que nos viu nacer. 

“DESCUBRE MOAÑA 2024” contou con 12 rutas diferentes grazas a estrea do “Sendeiro do río do Barranco do Faro” 

Neste programa, os asistentes tiveron a oportunidade de descubrir algúns dos aspectos e lugares máis interesantes de Moaña mediante 12 rutas: “A Moaña mariñeira“, “Canteiras do litoral de Moaña“, “San Martiño“, “Sendeiro da Fraga“, “A Torre de Meira” , “Intermareal de Tirán“, “Mulleres da historia de Moaña“, “Sendeiro de Rialdarca“, “Literaria – O último barco”, “A Poza da Moura de Domaio“, “Historia das rúas de Moaña” e a grande novidade deste ano, o “Sendeiro do río do Barranco do Faro“.

Como en ocasións anteriores, os datos de asistencia volveron a ser excepcionais:

Nas 47 rutas realizadas na vila de Moaña asistiron 1.154 persoas, o que representa unha media de 24,55 persoas por ruta. As rutas máis repetidas nesta ocasión foron a ruta literaria “O último barco” (8), “A Poza da Moura de Domaio” (7), e “Canteiras do litoral de Moaña” (5).

FOTOGRAFÍAS DAS RUTAS REALIZADAS EN MOAÑA

En “CANGAS EN RUTA 2024” tiveron moito protagonismo as rutas realizadas para centros educativos 

Entre as 19 rutas diferentes que levamos a cabo en Cangas, destacaron grandes clásicos como “Massó, o sentir dun pobo“, “Cangas 1617, A defensa da Vila”, “O Facho, gardián milenario” ou “Aldán, un condado a beira do mar“, todas elas cuns datos de asistencia impresionantes:

En total, no ano 2024 fixemos en Cangas 76 rutas ás que asistiron 2.299 persoas, o que representa unha media de 30,25 persoas por ruta.

O motivo do gran incremento respecto ao ano anterior, no que fixeramos 41 rutas, foi que neste ano 2024 tivemos a oportunidade de facer 25 rutas para diferentes centros educativos da nosa contorna nas que participaron 722 alumnos e alumnas.

Os percorridos que realizamos en máis ocasións foron “Massó, o sentir dun pobo” (17), “Intermareal de Areamilla” (12) e “Cabo Home e a Costa da Vela” (8).

FOTOGRAFÍAS DAS RUTAS REALIZADAS EN CANGAS

O ano 2024 regalounos moitos momentos especiais cos membros da nosa gran familia como protagonistas 

Durante as rutas e actividades que realizamos ao longo de todo o ano tivemos a oportunidade de vivir xuntos moitas experiencias marabillosas.

Para celebrar que alcanzabamos as 700 rutas decidimos facer algo especial e organizamos unha intermareal moi especial que levamos a cabo o 7 de xuño na praia dos Alemáns de Cangas, no entorno da Illa dos Ratos, para alumnos e alumnas do CEIP A Rúa.

Tamén estamos moi orgullosos do resultado da actividade de concienciación medioambiental e recollida selectiva de lixo mariño realizada 0 9 de xuño na praia de Rodeira con motivo do Día Mundial dos Océanos na que participaron máis de 150 persoas.

E por suposto que non podemos esquecernos do grande éxito colleitado na nosa participación da Conmemoración Histórica “A defensa da Vila – María Soliña 2024” tanto na ruta que realizamos baixo o título “Cangas 1617, A defensa da vila” que contou con 61 asistentes como das actividades de animación nas que participaron máis de 200 persoas.

Agardamos volver a contar coa vosa participación e apoio en 2025, xa que sen vós o noso labor non tería sentido 

Dentro dunhas semanas anunciaremos os programas de rutas para a temporada de inverno. Como sempre poderedes obter información e inscribirvos por whatsapp no 611 08 08 53. Se estades interesados en asistir, teredes que estar moi atentos porque para manter a calidade das rutas haberá un límite de 30 prazas. Unha vez sexan completadas, habilitaremos as correspondentes listas de espera que xestionaremos de forma activa.

MOITAS GRAZAS A TOD@S POR FORMAR PARTE DESTE FERMOSO PROXECTO E

DESTA GRAN FAMILIA RATONA ¡¡¡

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.