A PESCA TRADICIONAL DO XEITO, EN LOITA CONTRA A TRAÍÑA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.
“Coa sociedade tradicional que se viña abaixo, desaparecía tamén unha cultura de aproveitamento dos recursos pesqueiros que primaban a súa conservación e explotación sostible como mostra de respecto as xeracións futuras”
A Primeira Guerra da Sardiña enfrontou aos xeiteiros, adicados a unha pesca tradicional sustentable, e os defensores da traíña, que traballaban para abastecer a nova industria
A pesca tradicional que se facía nas nosas costas, viuse afectada dende mediados do século XVIII pola chegada dos fomentadores cataláns primeiro e polos empresarios da conserva no abrente do século XX.
En ambos casos, os novos emprendedores trouxeron os seus propios métodos, embarcacións e artes de pesca, moito máis agresivas co entorno, provocando duros enfrontamentos entre os “xeiteiros”, defensores da pesca tradicional e os defensores da “traíña” que defendían esa pesca moito máis intensiva que tiña como obxectivo o subministro de peixe para a nova industria.
Na chamada “Primeira Guerra da Sardiña”, figuras como Eugenio Sequeiros, Montero Ríos, Félix Ozámiz ou Álvaro Guitián, que hoxe lle prestan os seus nomes a algunhas das rúas de Cangas, posicionáronse no conflito do lado dos “xeiteiros”, xente humilde do pobo que tiña no mar a súa fonte de subsistencia e que loitou porque a nova industria non esquilmase os recursos da nosa ría, como xa ocorrera uns anos antes na costa mediterránea.
O “xeito”, un arte de pesca tradicional, selectivo e respectuoso co entorno
Antes da chegada da industria transformadora, a pesca que se viña realizando na nosa contorna facíase empregando artes respectuosas co recurso, como o “xeito”, unha arte de pesca de deriva. A embarcación botaba o pano de rede no mar e nel quedaban atrapados exemplares de sardiña dun determinado porte. Isto era posible polo tipo de enmallado que se empregaba que facía que o aparello fose moi selectivo, permitindo respectar outras especies e exemplares de sardiña que non daban a talla.
A “xávega” e a “traíña”, artes de pesca de arrastre pouco selectivas
A “xávega” primeiro, un arte de pesca de arrastre, e posteriormente a “traíña” (cerco de xareta) foron elementos que os empresarios da salgadura e os conserveiros incorporaron respectivamente nos seus barcos para incrementar as capturas, sen reparar ademais nos danos que facían nos fondos mariños ou sobre a cantidade de recurso.
Para empregar esas novas artes de pesca chegaron tamén novas embarcacións, moito máis grandes, como a “traiñeira”, que permitían levar a bordo máis tripulantes, saír a buscar a sardiña fóra da ría sen agardar a que entrase nela, e incrementar expoñencialmente as capturas.
A conflitividade social de finais do século XIX acabaría provocando a chamada “Primeira Guerra da Sardiña”
A finais do século XIX sucede un proceso de rápido cambio económico baseado na pesca e nas actividades relacionadas con ela: industria conserveira, exportación de peixe fresco (onde será importante a inauguración en 1885 da nova comunicación ferroviaria coa península), construción naval, construción mecánicas e metálicas…
Todo isto eleva a presión sobre os recursos pesqueiros e se produce un incremento da conflitividade social xurdindo enfrontamentos entre partidarios de usar as novas artes de pesca (cerco de xareta ou traíñas), moito máis agresivas, e os partidarios de seguir usando as artes da pesca tradicionais (xeito ou boliche), moito máis respectuosas e axeitadas para manter unha pesca sustentable.
Ata 1870, tradicionalmente a “colleita” de sardiña era entre xuño e xaneiro, cando os grandes bancos de sardiña entraban nas rías e eran pescadas preto da costa.
Neses momentos os fomentadores cataláns monopolizaban practicamente a actividade pesqueira coas súas industrias de salgadura. Tiñan embarcacións e aparellos propios e mariñeiros en nómina, pero a maior parte da sardiña mercábanlla a un grupo de pescadores galegos formalmente independentes pero que se vían obrigados a venderlle a súa pesca a eses empresarios que eran quen tiñan os medios para conservala. Os acordos se formalizaban mediante contratos firmados a principio da costeira, nos que tamén se recollía que a sardiña non chegaría a lonxas para ser obxecto de poxa.
Entre 1880 e 1890, coa chegada progresiva da conserva, novos tipos de embarcacións e novas artes de pesca, xurdiron os primeiros conflitos
Co desestanco da sal e a posibilidade de embarcar sal a bordo, incrementouse a competencia e provocou que os mariñeiros cos que os fomentadores mantiñan acordos previos decidirán non mantelos e venderlle a sardiña a quen lle ofrecese un mellor prezo. Isto fai que os empresarios comecen a crear a súa propia flota de embarcacións.
A mesmo tempo, comeza a desenvolverse a industria conserveira grazas a unha maior dispoñibilidade tanto da folla de lata como de aceite refinado, dúas materias primas fundamentais e que ata entón eran caras e escasas. Tamén influíu a escaseza de sardiñas na costa francesa o que provoca a chegada de empresarios con experiencia nesa nova técnica de conservación de alimentos as nosas costas.
En 1885 inaugúrase a comunicación ferroviaria de Vigo co interior da península facilitando a saída dos produtos sobre todo á zona do levante.
Ademais se promulga o Regulamento de liberdade de pesca regulada declarando liberdade de pesca nas augas a partir de 3 millas e comezan a chegar novas embarcacións (vapores, traiñeiras) e artes de pesca como a xávega na pesca de arrastre ou o cerco de xareta ou traíña na pesca de superficie.
En 1888 aboliuse a tradicional veda da sardiña de febreiro a maio dada a gran demanda do recurso e o seu continuo incremento de prezo, que podía poñer en perigo o desenvolvemento da industria da conserva.
En 1889, xorde o primeiro conflito importante entre os defensores da pesca tradicional e os das novas artes, rexistrándose enfrontamentos e manifestacións por ambos bandos.
Os tradicionalistas/xeiteiros argumentaban que as novas redes de arrastre acababan cos fondos mariños e as crías e que se explotaban en exceso os recursos. Por todos estes motivos lograron atrasar en quince anos a difusión de artes de arrastre en Galicia.
A partir de 1890 – 1910 chega o reinado da conserva e o conflito social rexenérase
A partir de 1896, especialmente en 1898, a introdución das traíñas na ría de Vigo retómase sobre todo para atender a crecente demanda de sardiña por parte das industrias conserveiras. Fronte a esta demanda, estaba un dos principios básicos da sociedade tradicional costeira galega como era conservación e explotación sostible dos recursos pesqueiros ao consideralos como a principal fonte de riqueza para as súas xentes.
Os partidarios da traíña eran sobre todo empresarios e algún político como Ángel Urzáiz que trataba de desbancar a Montero Ríos como líder do partido liberal. Argumentaban que:
- A industria se faría máis competitiva co aumento de capturas xa que caerían os prezos da sardiña.
- A desestacionalización da pesca da sardiña era factible sen esperar a que entrase na ría como se viña facendo tradicionalmente (con embarcacións máis grandes como a traiñeira era factible desprazarse a máis millas da costa).
- A calidade da conserva se incrementaría xa que a sardiña chegaría en mellores condicións a fábrica.
Os detractores da traíña eran os pescadores do xeito e contaban co apoio incondicional dalgúns políticos relevantes da época como Montero Ríos ou Eugenio Sequeiros Matos. Argumentaban que:
- Se caían os prezos polo aumento das capturas, os pescadores máis humildes verían diminuídos os seus ingresos.
- Pola súa incapacidade para competir con importantes empresas que podían armar embarcacións e aparellos máis grandes:
– Podían desaparecer a pesca tradicional que era a máis respectuosa co mar.
– Perderían a súa liberdade, dignidade e independencia.
– Non querían pasar dunha sociedade de pequenos propietarios sen distinción de riqueza ou poder a unha sociedade en crecemento económico continuo que os condenaba a ser simples asalariados.
Coa chegada do 1899, hai escaseza de sardiña elevándose os prezos e provocando que se acelerase a introdución masiva das novas embarcacións e artes (traíña) que podían adentrarse máis lonxe no mar en busca de capturas.
Coa chegada do novo século as autoridades tomaron a decisión salomónica de permitir provisionalmente o uso da traíña fora das rías quedando o interior das mesmas reservado para xeitos e boliches
No 1900 a recuperación dos bancos de sardiña e as capturas foron tan espectaculares e as conserveiras non eran capaces de procesar os desembarcos masivos de peixe por falla de infraestrutura e por falta de sal. Os traballadores non daban feito e ante a explotación laboral declaráronse en folga polo que provocouse unha caída brusca dos prezos que fixo estalar de novo os enfrontamentos entre xeiteiros e traíñeiros.
Sucedéronse manifestacións tanto contra as traíñas (apoiadas por D. Gaspar e D. Salvador Massó, vinculados ao partido laboral e cercanos a D. Eugenio Montero Ríos, que sería mediador ante o goberno central), como a favor das traíñas (a iniciativa maiormente de importantes empresarios que controlaban organismos como a Cámara de Comercio, Concello de Vigo e Bouzas, … e que tamén contaban con D. Ángel Urzáiz, deputado do partido liberal por Vigo pero enfrontado con Montero Ríos.
Houbo enfrontamentos moi violentos tanto en terra como no mar e no mes de Novembro tomouse a decisión salomónica de permitir provisionalmente o uso da traíña fóra das rías quedando o interior das mesmas reservado para xeitos e boliches.
A partir dese momento o conflito centrouse na violación por parte das traíñas da prohibición de pescar no interior das rías, sobre todo pola falta de medios por parte do estado para realizar a vixilancia.
Debido a isto, xa en 1904, comezan a aparecer masivamente novas traíñas a nome de patróns de pesca ou de sociedades de pescadores que deciden asociarse entre varias familias e explotar ese tipo de embarcación e arte de pesca para poder competir.
A partir dese momento, os conflitos na ría, aínda con subidas e baixadas, foron de menor intensidade por un tempo, pero se revitalizarían por novos factores como a pesca da ardora ou a chegada dos vapores e motoras, pero esas historias as contaremos en vindeiros artigos.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
2 comentarios
Redacción A Illa dos Ratos
Moitas grazas polas túas aportacións, Victor. Faremos as correccións oportunas e dados os teus coñecementos sobre a materia, invitámoste a colaborar neste humilde proxecto mediante a elaboración dalgún artigo. Unha aperta
Víctor Fernández González
Interesante o artigo de Óscar Rodríguez sobre a 1ª guerra da sardiña que enfrentou ao xeito co cerco de xareta.
Quero aportar un comentario sobre un feito que ven creando confusión, sobre todo no deporte do remo: O uso da palabra traíña para referirse á unha tipoloxía de embarcación.
A traíña é un arte de pesca, mediante o cerco, que xa se empregaba en Galicia , cando menos dende o século XVII. O que trouxeron a Galicia os conserveiros no ano 1896, en concreto a Viveiro e logo ao resto de Galicia, foi a embarcación chamada trainera, traiñeira (en galego), ou traineira como lle chaman en Portugal. Xunto con esta embarcación trouxeron o cerco de jareta, ou de xareta en galego, que tamén é un cerco, como a traíña, pero que pecha a rede por abaixo grazas ao cabo chamado xareta. O cerco de jareta pasou de Maine (EEUU) aos paises Nórdicos e posteriormente ao País Vasco e logo a Galicia.
Polo tanto, a arte de pesca da traíña é moi anterior á chegada das traiñeiras, polo menos 2 séculos. Cando chegou o cerco de xareta en 1896, pode que en algúns sitios lle chamaran tamén traíña, por ser un cerco.
En Galicia, as regatas das embarcacións evolucionadas das traiñeiras de pesca, eran regatas de traiñeiras. Sorpendentemente, polos anos 80, os practicantes do deporte de remo atopamos en Moaña o anuncio dunha regatA de “TRAIÑAS”, O peso dos clubes de Moaña no deporte do remo, xunto co afán de galeguizar a fala nos deportes, fixo que o termo “TRAÍÑA” se popularizase para referirse á embarcación. A esta confusión axudou a TVG que tamén pasou a empregar este termo nas súas informacións deportivas. No fondo pensábase que o termo “TRAIÑA”, empregado en Galicia dende había séculos era o apropiado para denominar á trainera.
Esta hipergaleguización do temo traíña para referirse á traiñeira foi tratado nun simposium sobre o patrimonio marítimo galego, realizado en Pontevedra e recollido nun suplemento do desaparecido xornal “A NOSA TERRA”. Tamén foi obxecto de algúns artigos na revista de cultura marítima e fluvial “ARDENTIA”.
No artigo de Óscar hai momentos nos que queda clara que a traíña, ou cerco de xareta, é unha arte de pesca, pero noutros momentos parece que o termo traíña refírese á embarcación, por exemplo cando ao pé dunha das fotos aparece “traíñas na fronte marítima de Cangas cara a 1905.
Saúdos
Víctor Fernández González