O MUSEO DO VIDEOXOGO DE GALICIA: UN MUSEO QUE ESTÁ EN CANGAS E QUE PAGA A PENA COÑECER
Texto elaborado por Galo e Jacobo Martínez Nieto, dous dos impulsores do Museo do Videoxogo de Cangas e cofundadores da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.
Sabiades que en Cangas temos a gran sorte de contar cun museo do videoxogo pioneiro a nivel nacional? Pois así é ¡¡¡ De feito os que participastes na nosa xincana de Entroido do 2020, que precisamente tiña temática de videoxogos, xa tivestes a oportunidade de realizar unha das divertidas probas que preparamos nas súas modernas e completas instalacións.
Hoxe imos a achegarnos a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia a través da que se xestionan os fondos e o funcionamento deste interesante museo. Recentemente constituída en Xullo de 2020, é a primeira e ata o momento única fundación en España adicada en exclusiva ao universo do videoxogo e xa é unha entidade recoñecida como de “interese galego“ pola Xunta de Galicia e polo tanto adscrita ao Protectorado da Consellería de Turismo e Cultura.
O Museo do Videoxogo é un dos proxectos da Fundación, que busca converterse nun referente a nivel nacional
A Fundación, que administra entre outros proxectos o “Museo do Videoxogo de Galicia”, ten por un lado a visión de analizar a historia do videoxogo como algo continuo e vivo, onde pasado e presente son elementos comúns que sempre apuntan ao futuro, e por outro a vontade de presentar de xeito transversal a toda a poboación o mundo do videoxogo como unha forma de expresión cultural máis, coa rigorosidade que merece.
Tamén queremos presentar os videoxogos como un medio de comunicación e creación e como unha ferramenta educativa que forma parte da sociedade e evoluciona xunto con ela como pode facelo a literatura, o cine e a música.
Porque os videoxogos poden ser una ferramenta que pode ser moi útil no desenvolvemento de determinadas habilidades sempre que sexa ben empregada e avogamos pola súa introdución na educación do futuro.
Esta innovadora visión e o conxunto de exposicións, eventos e actividades desenvolvidas dende os inicios están a xerar unha calorosa acollida social e institucional. Falamos dunha iniciativa de longo percorrido, de carácter autonómico pero con vocación de ser un referente nacional en materia de preservación, divulgación e investigación de dispositivos de hardware e videoxogos de hoxe e sempre.
A Fundación do Museo do Videoxogo de Galicia ten como liñas principais a xestión integral do propio MUVI e as actividades divulgativas canalizadas a través da propia Fundación
A primeira gran liña de traballo son as actividades levadas a cabo pola Fundación, que están a ter un amplo impacto na prensa xeralista autonómica e tamén nacional, máis alá da prensa especializada do sector. Algunhas das actividades e colaboracións da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia ao longo de 2020 foron as seguintes:
- Aperturas públicas e gratuítas do Museo do Videoxogo, adaptadas á normativa sanitaria vixente.
- Colaboración co museo MARCO de Vigo e a Fundación Carlos Casares, tamén en 2019, na súa edición anual das Xornadas sobre Videoxogos e Literatura,
- Participación no Salón do Libro 2020 organizado polo Concello de Pontevedra.
- Colaboración coa Universidade da Coruña, mediante unha exposición virtual sobre “Mujeres detrás de los Videojuegos”.
- Colaboración cunha empresa TIC no desenvolvemento dun videoxogo ambientado en Galicia, enfocado ás persoas da terceira idade e familias, que ten como data de publicación a principios de 2021.
O segundo alicerce que sustenta a Fundación é o Museo do Videoxogo (MUVI). Este constitúe, dende febreiro de 2019, un centro de operacións que non soamente é o cerne da Fundación senón que ademais supón a primeira exposición permanente de videoxogos creada en Galicia e probablemente en España.
Fotografías das instalacións do MUVI





O MUVI conta cunha importante cantidade de fondos, a inmensa maioría en perfecto estado de conservación, dun alto valor histórico e económico, que ronda os 100.000 € segundo un informe pericial externo e independente. Este catálogo é amplo e está en constante evolución, sen dúbida todo un éxito colectivo.
Ao redor de 140 videoconsolas, videoxogos e periféricos de tódalas rexións e tódalas épocas forman parte dun conxunto de máis de 2.000 pezas orixinais, perfectamente conservadas e funcionais na súa práctica totalidade.
Polo tanto, ademais das súas actividades, eventos e colaboracións, o MUVI ten unha vertente “física” inevitable, perenne, que respira do boca a boca, da cultura da rúa, das conversas da xente.
Algo que máis alá de ser un proxecto é algo tanxible que é posible visitar, ver e tocar, incentivando conversas, debates e experiencias, ademais de dar acubillo á divulgación, aos valores e á cultura.
Invitámosvos a coñecernos consultando a nosa web www.muvi.gal ou contactando previamente con nós a través de info@muvi.gal.

Jacobo Martínez Nieto
Membro fundador da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia
-
Este autor non ten máis artigos.
Deixa a túa resposta