UNHA ROMARÍA SEN SANTOS NA CARBALLEIRA DA IGREXA DE MEIRA COA QUE POÑER EN VALOR A LINGUA E A CULTURA GALEGA TRAS OS ANOS ESCUROS DO FRANQUISMO
Texto elaborado por Pepe Sequeiros, cofundador e organizador durante 25 anos da Festa Popular de Bronlle.
A Festa Popular de Bronlle, unha iniciativa dun grupo de mozos e mozas de Meira que formaban parte da A.C A Canle
Verán de 1976, mes de xullo, un sábado pola tarde, estabamos reunidos na sala da Casa Reitoral de Meira un grupo de mozos e mozas tratando temas relacionados con actividades culturais, pois conformábamos a Asociación Cultural A Canle.
Alguén, dos presentes, propuxo a idea de facer unha festa en Bronlle, unha carballeira pertencente á igrexa de Meira, que sempre fora un lugar de encontro, de xogos, de diversión para rapaces, mozos e maiores da parroquia.
A idea foi ben acollida e xa nos puxemos man á obra. Contabamos coa total colaboración do crego D. Manuel Duarte, personaxe cun protagonismo moi importante aqueles anos na parroquia, que nos facilitou moitísimo as cousas.
En poucos días preparamos todo: a festa anúnciase con carteis escritos con rotulador, tiramos un cable, que nos prestaron, desde a casa reitoral até Bronlle para a megafonía, montamos unha cantina, contactamos cun gaiteiro de Moaña para amenizar a xornada, o crego trasladou a misa do domingo á carballeira, fíxose un xantar en comunidade e houbo tamén danza e teatro.
Foi algo moi sinxelo pero que gustou e agromou con tanta forza que xa non pararía até completar unha xeira de 25 anos, converténdose nunha das festas máis singulares e concorridas que houbo nesta contorna.
Na Festa Popular de Bronlle estiveron os artistas, cantantes e grupos galegos máis importantes do momento
Nos seguintes anos xa íamos polas casas dos veciños a pedir unha axuda económica para cubrir gastos. Cada ano a festa medraba, e comezamos a traer aos principais cantantes e grupos galegos daquel momento (Fuxan os Ventos, A Roda, Luar na Lubre, Xocaloma, Milladoiro, María Manuela, Xil Ríos, Suso Vaamonde, Uxía, Treixadura, Os Diplomáticos de Monte Alto, Astarot…) outros artistas de fóra como Fausto de Portugal ou Claudina e Alberto Gambino de Arxentina.
Ademais da maxia do Mago Antón, o humor sempre estivo presente: Paco Mi Vida, Somoza, o Xestal, Farruco, os regueifeiros…moitos grupos de gaiteiros, de danza, de teatro e monicreques compoñían unhas programacións pensadas para toda a familia.
Moita xente acudía xa de mañá para xantar e pasar o día na carballeira. Desde primeira hora da tarde, víase unha ringleira de xente que baixaba polo camiño da Igrexa e ía enchendo a carballeira, principalmente o auditorio natural que forma a pendente cara a parte baixa da carballeira, onde se colocaba o escenario.
A festa espectáculo daba comezo á sombra dos vellos carballos, e naquel aire encantado parecía todo mellor: a música, a danza, o teatro, o humor, a maxia, era como se acadasen a súa máxima expresión. Momentos inolvidábeis, divertidos e emocionantes quedaron para sempre na nosa memoria.
A Festa Popular de Bronlle incorporou nos anos 90 a Festa do Asado ao Espeto para que a xente quedase á hora de xantar
Entrada a década dos 90 introduciuse un aliciente máis para gañar ambiente á hora do xantar. A Festa do Asado ao Espeto, onde un experto de Moraña asaba años e porquiños ao estilo que importaran os nosos emigrantes da Arxentina. A carne, unha vez asada, vendíase por racións ou por lotes.
O gran mérito da Festa Popular de Bronlle foi ser capaz de romper coa dinámica negativa da cultura e a lingua galega provocada pola ditadura franquista
Dende un punto de vista tanto histórico como socio-cultural a festa tivo un significado que compre subliñar . No ano 1976 estábamos no principio do que se deu en chamar a Transición Política, abríase un tempo de expectativas en todas as frontes.
Acababamos de pasar un período de ditadura de corenta anos que nos deixou moita represión, desprezo para a nosa cultura e identidade, marxinación para o noso idioma. Ese grupo de mozos/as que creou a festa (entre 18 e 22 anos) eramos xa conscientes da necesidade de romper aquela dinámica e que había que potenciar e dignificar as nosas expresións identitarias e culturais. Esta actitude de valentía e compromiso coa Terra viuse, evidentemente, reflectido na festa.
Naquel tempo non era normal chegar a unha festa e ver a bandeira galega, a megafonía falar galego, e que a nosa música, danza, humor foran os verdadeiros protagonistas do evento.
Non era normal non. Pero en Bronlle si e, ademais, co beneplácito e agrado dos veciños e visitantes que ateigaban a carballeira. Este foi para min o gran mérito da Festa Popular de Bronlle, visto hoxe cunha perspectiva de case cincuenta anos.
Por último, un agarimoso saúdo para todos os que me acompañaron e participaron na organización ao longo de tantos anos. Grazas á colaboración de todos foi posíbel aquela vivencia que nos acompañará para sempre e da que sempre nos sentiremos orgullosos.
Queremos agradecer a Pepe Sequeiros a súa colaboración coa nosa asociación tanto á hora de elaborar este interesante artigo como para facilitarnos información para os contidos da ruta “Sendeiro do Río do Barranco do Faro” que levamos a cabo en Meira dende 2024.
Pepe Sequeiros Santiago
Cofundador e organizador durante 25 anos da Festa Popular de Bronlle.
-
Este autor non ten máis artigos.
Un comentario
Carmen Piñeiro
Un gran artículo como todos los que publicáis. Tuve la oportunidad de escuchar a Pepe en la ruta del Barranco do Faro y ver como se emocinaba relatando la historia de la romeria