UN ANO DE RUTAS E ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

A nosa familia ratona seguiu medrando en 2022, un ano cheo de rutas, actividades e novos contidos no “Blog dos Ratos”

A poucas semanas de que anunciemos o calendario de rutas para o inverno de 2023, toca facer balance deste ano que agora remata, un ano complicado pero moi satisfactorio grazas ao apoio incondicional desta gran familia ratona, que non para de crecer e da que formades parte todas as persoas e entidades que, coa vosa colaboración, fixestes posible un ano máis este fermoso proxecto.

Foron moitas as rutas que compartimos este ano. Neste artigo falaremos delas, pero non podemos esquecernos das outras actividades que realizamos. As máis destacadas foron en xuño, cando coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente fixemos unha actividade de concienciación medioambiental e recollida de lixo mariño en Rodeira con máis de 150 participantes, e en outubro cando participamos na Conmemoración histórica “A defensa da Vila-María Soliña”, na que tivemos un papel relevante realizando dúas rutas guiadas diferentes e encargándonos das actividades de animación infantil con máis de 200 asistentes.

Tamén nos sentimos orgullosos da evolución do Blog dos Ratos, un recurso no que grazas ao esforzo e implicación dos nosos socios e colaboradores como o historiador do Hío Anxo Coya, o cronista oficial de Moaña Manuel Uxío García Barreiro, ou o sociólogo moañés Manuel Pérez Rúa, contamos xa con máis de 150 artigos publicados que van recibindo semanalmente máis de 900 subscritores e aos que damos difusión na páxina de facebook “Historias do Morrazo“.

Sirva este artigo para trasladar o noso agradecemento a todos os asistentes ás nosas rutas, aos colaboradores do noso blog e aos establecementos e entidades colaboradoras, xa que sen a vosa participación e apoio isto non sería posible. 

No 2022 realizamos 86 rutas cunha asistencia de 2.404 persoas

Cando comezamos con este proxecto no ano 2016, a nosa intención era dinamizar o noso entorno e, a través de rutas guiadas gratuítas, ofrecer unha forma amena e didáctica de coñecer e aprender a valorar os nosos recursos turísticos.

Con mesmo espírito e ilusión que o primeiro día, durante todo este ano, ademais da ruta “Muíños do Canudo” que realizamos dentro da programación do Millo Corvo de Bueu nos mes de marzo, colaboramos co Concello de Moaña organizando o programa “Descubre Moaña 2022”, e promovemos pola nosa conta “Cangas en ruta 2022”, un programa con percorridos por diferentes localizacións da que nos viu nacer. 

“DESCUBRE MOAÑA 2022” contou con 9 rutas diferentes e coa novidade dun novo percorrido, “A Poza da Moura de Domaio”

Neste programa os asistentes tiveron a oportunidade de descubrir algúns dos aspectos e lugares máis interesantes de Moaña mediante 9 rutas: “A Moaña mariñeira“, “Canteiras do litoral de Moaña“, “San Martiño“, “Sendeiro da Fraga“, “Intermareal de Tirán“, “Mulleres da historia de Moaña“, “Sendeiro de Rialdarca“,“Literaria – O último barco” e a gran novidade deste ano, “A Poza da Moura de Domaio“, que chegou a ter lista de espera de máis de 60 persoas.

Como en ocasións anteriores, os datos de asistencia volveron a ser excepcionais:

Nas 40 rutas realizadas na vila de Moaña, asistiron 1.128 persoas o que representa unha media de 28,20 persoas por ruta. A ruta máis repetida foi a literaria “O último barco”, en gran medida porque varios clubs de lectura nos demandaron facer rutas adicionais, sobre todo logo do tráxico falecemento de Domingo Villar.

Por primeira vez en seis anos, o programa “CANGAS EN RUTA 2022” levouse a cabo sen apoio do Concello

Como cada ano, no mes de outubro de 2021 presentamos ante a Concellería de Turismo de Cangas o noso proxecto anual de rutas de cara a 2022. Como en ocasións anteriores, a nosa proposta buscaba ter o apoio total ou parcial do Concello, pero nos informaron de que, logo de seis anos, seguindo as indicacións dos técnicos, tiñan intención de licitar por primeira vez o servizo.

Unha vez publicadas as bases no mes de maio, vimos que non podíamos cumprir as condicións que se establecían e tras analizar a situación, tomamos a decisión de continuar igualmente coa nosa actividade, reducindo as rutas previstas inicialmente para non coincidir coas datas que ía empregar o Concello.

Para dar viabilidade ao proxecto decidimos ofrecer aos asistentes das rutas a oportunidade de realizar unha aportación simbólica e voluntaria a favor da nosa asociación e iniciamos contactos con algúns establecementos e entidades que puidesen estar interesados en apoiar o noso labor mediante o apadriñamento na nosa web das rutas e os artigos do blog.

Estas iniciativas tiveron unha gran acollida e grazas aos recursos procedentes dos particulares que participaron nas rutas e das moitísimas entidades colaboradoras, entre as que temos que destacar a Concello de Moaña, Comercio do Morrazo, Todomorrazo, Prosaúde, Conservas Lago Paganini, BrunSantervás e Hotel Prado Viejo, puidemos realizar rutas durante todo o ano.

Entre as 15 rutas diferentes que levamos a cabo en Cangas, destacaron grandes clásicos como “Massó, o sentir dun pobo“, “Cangas 1617, A defensa da Vila”, “O Facho, gardián milenario” ou “Aldán, un condado a beira do mar“. todas elas cuns datos de asistencia impresionantes:

No ano 2022 fixemos en Cangas 45 rutas ás que asistiron 1.241 persoas, o que representa unha media de 27,58 persoas por ruta. A ruta que realizamos en máis ocasións foi “Massó, o sentir dun pobo” (10 edicións para todo tipo de colectivos: familias, escolares, ou incluso para a USC, entre outros). Tamén tiveron moita demanda “Cangas 1617, A defensa da Vila” e “O Facho, gardián milenario”.

Agardamos volver a contar coa vosa participación e apoio en 2023 xa que sen vós o noso labor non tería sentido 

Dentro dunhas semanas anunciaremos os programas de rutas para a temporada de inverno e poderedes obter información e inscribirvos por whatsapp no 611 08 08 53. Se estades interesados en asistir teredes que estar moi atentos porque para manter a calidade das rutas haberá un límite de 30 prazas, aínda que unha vez sexan completadas habilitaremos as correspondentes listas de espera que xestionaremos de forma activa.

MOITAS GRAZAS A TODOS POR FORMAR PARTE DESTE FERMOSO PROXECTO E

DESTA GRAN FAMILIA RATONA ¡¡¡

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos

Un comentario

  1. Carmen de Mogor

    A min gustaronme as rutas que rigen con vos, gracias por explicarnos tan ben a historia de cada sitio que percorremos, para o próximo ano que poidamos disfrutar na misma compañía. Feliz Año 2023 para todos

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.