A FABRICA DE AMEIXIDE NA ÉPOCA DOURADA DA CONSERVA

Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación / Promoción do Patrimonio en 2019

A familia Curbera rexentou a fábrica de Ameixide ata a década dos anos 90 do século XX, pechando de xeito definitivo no 1996

Diciamos ao final do primeiro artigo que adicamos a historia da fábrica de Ameixide que en xullo de 1860 fora mercada por D. Francisco Gelpi, veciño de San Martiño de Bueu e coñecido fomentador do salgado, quen tivo unha gran actividade comercial no Hío e noutras parroquias. Neste artigo nos adicaremos a repasar a seguinte etapa na vida da fábrica de Ameixide, que tivo como protagonistas a familia Curbera e a actividade conserveira.

Temos constancia do nacemento neste lugar o 3 de novembro 1896 dunha nena chamada Leopolda María del Carmen, filla de Manuel Ventín Piñeiro, natural de Pontecaldelas e de Peregrina Araújo Rolán, veciña de Vigo. Intuímos que aquí tiñan a súa morada e deberon exercer como caseiros traballando mediante arrendamento as terras e coidando dos bens dos propietarios e señores: a familia Curbera.

Á fronte estaba o industrial José Ramón Curbera Puig. Non sabemos certo en que ano se fai propietario deste edificio, máis damos por feito que antes do 1907. Alí aínda se atopa unha fermosa pía granítica coa inscrición J.R.C 1889 probablemente traída ata Pinténs dende outra nave conserveira. Consideramos que estas iniciais pertencen ao mencionado industrial.

A FÁBRICA DE AMEIXIDE

Amalia, irmá do señor Curbera Puig, estivo casada con outro importante conserveiro na Ría de Aldán, Juan Buet Nogueira quen finou na cidade da Coruña en 1896.

José Ramón Curbera Puig foi un dos homes con máis influencia no progreso industrial vigués

Jose Ramón Curbera Puig foi un experto capitán no bergantín “Nuevo Feliz” no que fixo varias viaxes entre as cidades de Vigo e da Habana, levando a bordo numerosos pasaxeiros e importantes cargamentos. Ao abandonar a vida marítima estableceuse en Vigo, dedicándose cos seus irmáns aos negocios coloniais.

Anos despois separouse da sociedade mercantil da que formou parte e estableceuse de maneira individual no mesmo ramo. Máis tarde dedicouse á fabricación de conservas en unión dos seus fillos varóns dando así un gran impulso á industria conserveira, sendo a súa, a de maior produción en Vigo. Tamén foi membro da corporación municipal e doutras entidades.

Era unha persoa admirable por ser un dos fundadores do Banco de Vigo e o primeiro presidente do Consello de Administración desta institución local. Fixo na prensa varias campañas a prol da supresión dos fielatos, onde se cobraban as taxas municipais sobre o tráfico de mercadorías e foi un dos máis antigos subscritores do xornal Faro de Vigo. De firmes ideas democráticas e foi tenente alcalde na primeira república estando como alcalde Primitivo Blein. Casou con Epifanía Fernández Conde  e da súa unión naceron: Amalia, Epifanía, José Ramón e Julio. Finou 8 de maio 1918 á idade de 89 anos.

Seu primoxénito José Ramón casou con Fermina Alonso Lamberti, cuxos apelidos tamén están unidos a familias relacionadas coa industria da conserva. Tiveron catro fillos :José, Fermina, Margarita e Leopoldo Curbera Alonso. José Ramón finou o 15 de xuño de 1937 sendo veciño de Teis.

Coa chegada da mecanización nas conserveiras comezan a chegar persoas procedentes do País Vasco ou Navarra

Coa chegada e modernización e da nova maquinaria xa para o labor da conserva, percibimos a presenza no Hío de persoas con apelidos que proveñen do norte do país, como Manuel Ibusquiza Landín, de oficio maquinista, que aínda que declara ser natural de Teis, seu pai Gregorio, ferreiro de profesión, procedía de Allo en Navarra. Manuel traballou de maquinista nesta fábrica e casou con Sofía Campos da cidade de Ourense. A finais do s.XIX teñen tres fillos no Hío de nome Constantino Antonio, Manuel Eladio e María Peregrina Ibusquiza Campos.

A FÁBRICA DE AMEIXIDE
Xornada de limpeza nos terreos da fábrica en 1995.

Outro exemplo de procedencia noiesa e orixe vasca é o apelido Olascuaga que moraban en Darbo e se desprazaban ata Pinténs para traballar segundo a información oral recollida. Tamén traballou na conserveira Antonio Allica Ortugue, natural de Bermeo (Bilbao), quen casaría con Adelaida Padín Villar, veciña do Igrexario, froito do matrimonio nace no 1914 Ignacio.

Engadiremos que o 10 de agosto de 1914 faleceu á idade de catro anos na Ameixide, José Priegue y Priegue, fillo de José, natural de Vigo e de María, oriúnda de Pontecesures.

Desde 1963 ata o seu peche total, Juan Fernández Gutiérrez, natural de Donón e que superados os oitenta anos goza dunha formidable memoria, exerceu aquí de escribente xunto a unha gran cantidade de traballadores e traballadoras das parroquias do Hío e Aldán. 

A familia Curbera rexentou esta fábrica de Ameixide ata a década dos anos 90 do pasado s.XX, pechando de xeito definitivo no 1996. Hoxe existe un proxecto para construír un complexo hoteleiro que estando dentro dunha mesura construtiva, nunca se sabe, podería dar emprego á xente da nosa contorna.

A FÁBRICA DE AMEIXIDE
Estado actual da fábrica de Ameixide. Foto de Anxo Coya
Anxo Coya Otero
+ artigos
Veciño do Hío.
Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.

4 comentarios

  1. Carlos

    Hola gracias a este reportaje acabo de de descubrir quién era mi bisabuelo incluso el nombre de mi tatarabuelo y de su verdadero origen me gustaría saber dónde habéis obtenido esta información muchas gracias

  2. Miguel Millán

    Historia da nosa vila.
    Moitas mulleres traballaron na conserva.

    Unha mágoa que se deixe así esmorecer A Meixide, sen facer nada o respecto

    Interesante artigo

  3. Argen

    Artículo muy interesante. Breve y conciso. Excelente ruta. Quedamos con ganas de mas

  4. Patricia

    Muy interesante esta segunda parte como la primera. Si alguna vez se hace un recorrido cultural, publicarlo pf, gracias

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.