OS INICIOS DA FÁBRICA DE AMEIXIDE NA ALDEA DE PINTÉNS
Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación / Promoción do Patrimonio en 2019.
Aos que foron empregados da fábrica de Ameixide, entre eles miña nai e miña avoa.
Ollando o libro “Las Familias de la Conserva” de Xoan Carmona Badía, un atópase cunha célebre frase de Séneca do seu diálogo, “De brevitate vitae” (“Sobre la brevedad de la vida”) no que manifesta: “A vida divídese en tres etapas: a que foi, a que é, a que será. Destas, a que estamos vivindo é breve; a que imos vivir, dubidosa; a que temos vivida, auténtica”. E coido que ten razón.
A fábrica de Ameixide comezou sendo unha fábrica de salgado a principios do século XIX
Falemos, entón, do pasado e da historia dunha fábrica de salgado. Aínda que non é sinxelo seguir a súa pegada, tentaremos facelo mergullándonos entre os protocolos notariais do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e outros documentos, xa que son unha fonte importante para seguir a estela daquelas fábricas da época que pasaban dunhas mans a outras a través de alugueres ou compras.
No que atinxe concretamente ás fábricas de salgado que existiron nas costas do Morrazo, recollemos neste artigo un anaco da historia da gran industria que durante case dous séculos se atopaba na aldea de Pinténs (O Hío), na fermosa Ría de Aldán: a fábrica de Ameixide, unhas instalacións onde se exerceu primeiro a actividade do salgado, logo quedou abandonada e máis tarde funcionou como conserveira.
A primeira experiencia industrial da que se ten constancia en Ameixide tivo como protagonista ao catalán Jose Manuel Lluch Tapias
Para atopar as primeiras referencias da fábrica de Ameixide é preciso navegar ata primeiros do s.XIX, concretamente ata o ano 1804, cando un adiñeirado persoeiro do comercio de Vigo xa tiña construído un almacén de salgar sardiña denominado Meixide. Este home de procedencia catalana e de nome José Manuel Lluch Tapias, edificou esta fábrica nun momento importante para pesca da sardiña.
Era fillo de Andrés e de Rosa, naturais de San Andreu de Llavaneras (Barcelona). José tiña outro irmán chamado Juan Jaime Lluch, quen sería o antecesor e patriarca dun apelido que aínda se conserva na parroquia do Hío, hoxe transformado en Lluque ou Yuque.
O 3 de maio de 1805 varios veciños do Hío, notifican que antes desa data arrendaron a D. José Lluch o seguinte: “…un retazo de terreno pedragoso con algún toxo de muy poco producto que hará una sembradura de un ferrado poco mas o menos que es derecho qe hacen en donde se llama Meixide de Loureiro en la Aldea de Pinténs término de dha fra. del Hío contiguo al Almacén que allí construhió dho Lluc para fábrica de sardina…”.
Foi un arrendamento por espazo de tres anos para que este industrial poidese extraer a pedra para edificar in situ a fábrica como nos indica outro documento: “…cortar y aprobecharse de quanta piedra necesitase para sus obras, y estando corrido un año…”.
Unha vez transcorrido o primeiro deses tres anos de arrendamento, varios veciños do Hío se poñen de acordo e deciden vender este e outros terreos en poxa pública. Os distintos predios foron poxados por Félix Faus, apoderado de José Lluch, pola cantidade de 2.500 reais.
No período transcorrido entre 1805 e 1810 a compra de numerosos terreos á cargo de Juan Jaime Lluch Tapias no nome do seu irmán José acontece dun xeito acentuado, incrementando así o terreo que pertencía á dita fábrica de Pinténs.
Juan Jaime Mariano, así aparece na partida bautismal, naceu o 19 de novembro de 1778 en San Andreu de Llavaneras. Foi o encargado de administrar todo o relacionado co edificio de Pinténs, chegando a asentarse de modo definitivo e casar no Hío o 12 de febreiro de 1814 con María Benita Martínez Lemos, veciña do Igrexario.
Despois dun acordo asinado co seu irmán José, Jaime fixo reclamación dunha cantidade de diñeiro importante, 12.000 reais, polos traballos e outros menesteres desenvolvidos no almacén. Interpuxo demanda contra José Luch e José Eugenio Táboas, ámbolos dous grandes comerciantes na cidade de Vigo e deducimos que a sentencia non foi favorable para Jaime, pois este chega a estar preso no 1829 no Castelo de San Sebastián, tamén coñecido como do Castro en Vigo.
Así se relata nun documento: “En la Ciudad de Vigo y Castillo del Castro a trece de Octubre del año de mil ochocientos veinte y nuebe: yo Essno. teniendo en mi presencia a Jaime Lluque, preso en dho Castillo del Castro …” Isto debeu sumir a fábrica de Ameixide nunha situación de abandono total.
En 1860 a fábrica de Ameixide non tiña actividade e atopábase en estado ruinoso
Sabemos que en 1860 esta fábrica atopábase nun estado moi ruinoso. Pertencía por aquel entón a Dª Rosalía de Quirós y Lluque, veciña de Vigo, quen o 16 de xullo deste ano vendeu este edificio e demáis terreos adxacentes a D. Francisco Gelpi, veciño de San Martiño de Bueu e coñecido fomentador do salgado, quen tivo unha gran actividade comercial no Hío e noutras parroquias. A compra foi efectuada nun prezo de 20.000 reais.
Anxo Coya Otero
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
3 comentarios
A fábrica de Ameixide (II) » A Illa dos Ratos
[…] ao final do primeiro artigo que adicamos a historia da fábrica de Ameixide que en xullo de 1860 fora mercada por D. […]
Conchi Piñeiro
Moi bó artigo que nos mostra os inicios do que chegaría a ser esa fábrica da Ameixide donde tantas mulleres traballaron.
Gracias Anxo por compartilo
Patricia
Muy interesante esta primera parte por la historia de la fábrica y lo que acontece en Aldán, Vigo y …, a la espera de una segund parte, gracias