BREOGÁN DE MOAÑA, 40 ANOS DE ILUSIÓN
Texto elaborado por Alfonso Cheda, componente do grupo de gaitas da A.F.C Breogán de Moaña.
Hoxe imos coñecer a historia da Agrupación Folclórica e Cultural Breogán de Moaña, unha entidade cultural que no ano 2021 cumprirá oficialmente 40 anos promovendo a música e o baile tradicional galego.
E dicimos que cumprirá oficialmente porque aínda que estatutariamente o comezo da súa andadura foi no ano 1981, o certo é que a formalización do colectivo fíxose para asentar un traballo que comezara dous anos antes con actividades veciñais nesa liña.
Como facemos na nosa ruta “Mulleres da historia de Moaña“, tamén falaremos da figura de Lola Diz Pose, a moañesa que fundou esta asociación e que tivo o acerto no seu día de rodearse dun grupo de compañeiros e compañeiras comprometidas coa nosa cultura, especialmente co noso folclore e a nosa lingua como piares fundamentais e a partir de aí xurdiu Breogán de Moaña.
Para a A.F.C Breogán de Moaña o folclore é “O Saber do Pobo”
Nos inicios a A.F.C Breogán de Moaña comezamos como Grupo de Baile Galego (1981) pero co paso dos anos e pouco a pouco fóronse sumando novas seccións de Gaita e Percusión (1984) ou Pandeireta e Canto (1996) que foron dando forma ao proxecto integral de recuperación, asentamento e transmisión da cultura propia que se marcaba como obxectivo na nosa fundación.
Para nós o termo folclore expresa precisamente o que se desprende da súa etimoloxía, do inglés “Folk” (pobo, xente…) e “Lore” (coñecemento, tradición, pegada…). “O Saber do Pobo”, iso é o folclore para nós, unha definición con moito sentido e que contextualiza o que realmente significa a tarefa á que nos entregamos cando a A.F.C Breogán de Moaña nos constituímos como Asociación Folclórica e Cultural para a súa difusión.
Asumimos con pracer unha importante responsabilidade que cremos debe ser exercida activamente porque neste eido asociativo-cultural no que estamos non cabe a simple observación pasiva.
A recollida e asentamento dos coñecementos relacionados co folclore galego e a súa transmisión son as tarefas nas que traballa a A.F.C Breogán de Moaña
Así logo, establecemos os necesarios espazos de traballo nas dúas tarefas que dan sentido á asociación como son por una banda a recollida e asentamento dese coñecemento colectivo e por outra a transmisión do mesmo dende dous espazos fundamentais como son as actuacións dos grupos e as aulas.
Nas actuacións que os grupos da asociación realizan nas festas e actos culturais populares é onde compartimos recíprocamente os coñecementos recollidos e aprendidos, nun contexto que lles dá sentido final e no que todo o pobo nos implicamos.
As aulas son o espazo onde as actividades didácticas (teóricas e prácticas) fan o papel desa necesaria correa de transmisión máis técnica do coñecemento herdado, para que sigamos a facer xirar esa roda de muíño que é a “Recollida-Asentamento-Transmisión” que nunca debe parar.
As principais áreas de traballo da A.F.C Breogán son a música e o baile tradicional galego aínda que tamén oferta outro tipo de actividades para os veciños
A música e o baile tradicional galego son as dúas áreas fundamentais de traballo dentro do noso Folc-Lore musical. Para desenvolvelas creamos tres aulas diferentes: Baile – Gaita e Percusión – Pandeireta e Canto.
Completamos así con esta estrutura o ciclo de transmisión. As nosas aulas desenvólvense nun principio nun local cedido desinteresadamente pola familia de Lola Diz e dende hai xa moitos anos en instalacións de xestión pública, libres de barreiras arquitectónicas e cedidas polo Concello de Moaña, que colabora e facilita así a nosa función.
Dispoñendo dos locais axeitados e un profesorado propio da asociación cunha cualificación moi boa e ben contrastada que foi seleccionado en base aos criterios que nos guían, buscamos acadar de maneira adecuada os nosos obxectivos no eido cultural.
Mais a nosa actividade non se centra exclusivamente no folclore, a indumentaria tradicional e a lingua. De feito se falamos con propiedade das nosas actividades non podemos esquecer que ao longo da nosa historia vimos atendendo outras demandas da nosa base social con aulas de Bailes de Salón, Baile Latino, Danzas do Mundo, Ximnasia, Pilates, Costura, Ganchillo, Patchwork e moitas outras actividades e obradoiros polas que en cada momento detectamos interese a nivel veciñal.
A figura de Lola Diz Pose sempre presente no día a día da A.F.C Breogán de Moaña
Cando alguén fai referencia a A.F.C Breogán de Moaña resoa constantemente o nome da nosa fundadora, Lola Diz Pose, e non pode ser doutro xeito. Lola era unha persoa vinculada cos colectivos veciñais e culturais no Concello de Moaña ao tempo que tamén co folclore galego.
Foi compoñente do Grupo Municipal de Baile do Concello de Vigo e contemporánea de figuras do baile galego na bisbarra de Vigo de amplo recoñecemento, como José Iglesias “Melitón”, Carmiña Perez Alonso, Maruja Méndez, Wenceslao Cabezas “Polo” ou Alfonso Vidal.

Tamén participou nos grupos oficiais que o contexto daquela época potenciaba, así como en Vento das Cíes, Lembranzas Galegas ou na propia Escola Municipal. Debido a isto, evidentemente tiña estreitas relacións persoais no mundo do folclore, colectivo no que estaba fondamente implicada e co que sempre se comprometeu na asistencia a xuntanzas, obradoiros e todas as actividades relacionadas que puideran estar ao seu alcance e nas que considerasen que podía aportar algo.
Cando no ano 1981 o proxecto de Breogán, que ía medrando e botando raíces fondas, oficialízouse tomando a forma legal de asociación baixo a denominación de Agrupación Folclórica Cultural Breogán de Moaña, Lola Diz asumiu con naturalidade a responsabilidade de poñerse á fronte do barco e ocupar o cargo de presidenta nesta nova marea cultural e veciñal, aínda que o papel que a ela sempre lle gustou ocupar foi o secundario, o de apoio total e comprometido na retagarda.
Aquela primeira xunta directiva quedou composta por un grupo de sete mulleres: Lola Diz (Presidenta Fundadora), Dolores Taboada (Secretaria), María Dolores Ríos (Vicepresidenta), Margot Otero (Tesoureira), e Clara Corrales , Inma Fernández e Maica Juncal (Vocais).
Posteriormente nas case catro décadas de historia da asociación a súa Presidencia estivo baixo a responsabilidade de catro excepcionales mulleres: Lola Diz (1981 – 1989 , ano do seu pasamento), María Dolores Taboada (1989 – 1994), Carmen Santomé (1994 – 2014) e Pilar Álvarez (2014 – Actualidade).

O grupo de baile que daría lugar a A.F.C Breogán de Moaña tivo una orixe bastante curiosa
A idea de formar un grupo de baile en Moaña ocorréuselle a Lola Diz Pose no ano 1979. Daquela tiña unha sobriña duns nove anos á que dende pequeniña gustáballe o baile galego. Lola percibiu que sempre andaba a bailar soíña pola panadería familiar e como a súa necesidade de formación nese eido cultural tampouco estaba cuberta tomou a iniciativa de buscar máis nenas e comezar a darlles clase.
Foi así como despois dunha primeira xuntanza no Cine Veiga de Moaña para articular unha Asociación de Veciños, Lola propuxo crear un grupo de baile dentro do espazo cultural da propia asociación, que curiosamente co paso dos anos sería a única proposta que perviviu daquela iniciativa.
Pois logo, empezou no ano 1979 con vinte nenas a darlles clase de baile, ensaiar e acudir aos desfiles do entroido moañés, co nome das “Vinte en Rosa”, ata que fixeron a súa presentación pública despois de dous anos de traballo. En moi pouco tempo o número de compoñentes de Breogán como grupo de baile galego dobrouse, e nuns poucos anos xa pasaba das cen persoas.

O Mestre Henrique Otero tivo un papel fundamental na creación do grupo de gaitas dentro da propia AF.C. Breogán de Moaña
No ano 1984, o coñecido Mestre Henrique Otero levaba un tempo dando clases en Moaña, cun grupo de persoas maiores que se xuntaban para ensaiar bailes antigos e recuperar o folclore do Morrazo. Como este grupo non acababa de arrancar coas clases de gaita, tratou de intentalo cos rapaces que estaban en Breogán. Nace entón o Grupo de Gaitas Breogán de Moaña, con Henrique á fronte como Director e Mestre.

Pouco a pouco foi medrando en número de compoñentes esta sección chegando axiña a ter entre gaita e percusión 25 membros. Todos e todas xuntas logramos asentar un proxecto que deu importantes froitos no espallamento do noso folclore, recoñecido con numerosos premios e actuacións en importantes certames nacionais e internacionais, e nas festas e romarías máis grandes e pequenas.
Non se descoidou tampouco o enriquecemento do arquivo discográfico galego coa publicación dun disco no ano 1991 titulado Breogán de Moaña, cunha escolma de once pezas galegas moi valorada polo seu alto nivel no musical e no criterio da súa escolla como ben representativas da nosa música do País. Estamos agora no proceso de gravación dun novo traballo discográfico que axiña verá a luz conmemorando os nosos 40 anos.

Dende o ano 1989 a A.F.C Breogán de Moaña organiza o Memorial Lola Diz na honra da súa fundadora, que foi renomeado como Memorial Lola Diz – Henrique Otero tras o pasamento do mestre
E por suposto, dende o 1989 cada ano traemos á memoria máis presente á nosa fundadora Lola Diz e tamén ao noso sempiterno Mestre Henrique Otero, nun acto que denominamos “Memorial Lola Diz – Henrique Otero”, que se converte, como non pode ser doutro xeito, nunha festa do folclore que xa forma parte da personalidade cultural de Moaña e polo que teñen pasado ao longo destes anos máis de 140 grupos folclóricos de toda a península.

Próximos xa eses corenta anos de actividade ininterrompida baixo a responsabilidade asumida pola nosa base asociativa, e con catro mulleres á fronte ao longo destas catro décadas, seguimos coa mesma forza e ilusión que o primeiro día, traballando pola recuperación e apuntalamento das bases de todo aquilo que se relaciona co noso folclore, con especial atención ao propio do Morrazo, e dende as frontes da nosa lingua, o noso baile e a nosa música.
E, como non pode ser doutro xeito, dende Breogán queremos non só manter senón anovar o espazo cultural que temos asumido, ofrecendo dende este vindeiro Nadal un espazo web ao que todo o mundo poida acceder para coñecer un pouco mellor o Morrazo e o que somos. O noso espazo na internet será accesible dende o enderezo www.breoganweb.es.
Esperamos que vos agrade e vos aporte algo de valor. Será a nivel dixital o Fogar de Breogán como xa o son físicamente as nosas instalacións, a casa franca, dixera Santalices, na que todos e todas sodes benvidas.
Viva Breogán, Viva Moaña e que Viva a Cultura do País !

Alfonso Cheda
Compoñente do grupo de gaitas da A.F.C Breogán de Moaña.
-
Este autor non ten máis artigos.
9 comentarios
Lola Diz Pose, fundadora de la A.F.C Breogán de Moaña » A Illa dos Ratos
[…] este artículo hablaremos de Lola Diz Pose, fundadora de la A.F.C Breogán de Moaña , una importante mujer en la historia de Moaña que dedicó gran parte de su vida a mantener vivo […]
Agrupación Cultural Nós » A Illa dos Ratos
[…] la III Cea de Irmandade Cultural ante 149 personas se reconoció la labor de la Asociación Folclórica Breogán como más antigua y al Mago Antón por “Hacer país”. Se publicó por parte de la Junta de […]
Agrupación Cultural Nós » A Illa dos Ratos
[…] III Cea de Irmandade Cultural ante 149 persoas recoñeceuse o labor da Asociación Folclórica Breogán como máis antiga e ao Mago Antón por “Facer País”. Publicouse por parte da xunta de Montes […]
Lola Diz Pose, fundadora da A.F.C Breogán de Moaña » A Illa dos Ratos
[…] artigo imos a falar de Lola Diz Pose, a fundadora da A.F.C Breogán de Moaña, unha muller importante na historia de Moaña que dedicou gran parte da súa vida a mantener con […]
Xabier Garrote Cobelo
Moi bos traballos.
Parabens
Maika
Un emotivo e bonito exemplo do que se pode conseguir, ( seguramente sen querer), co amor e o respeto polo propio, pola cultura, polas raíces …e parir ducias de herdeiros da nosa tradición, ca si mesmo deixarán de legado aos que están por vir.
Galiza sempre viva . .
Dolores Ríos Diz
Un gran artigo, noraboa Alfonso
Alfonso Cheda
Un luxo o traballo de A Illa dos Ratos recuperando a memoria. Sodes necesarios. Parabens
Fernando Romero
Bravo!!! Gran trabajo