RECORDANDO A LOITA CONTRA OS VERTIDOS RADIOACTIVOS NA FOXA ATLÁNTICA A BORDO DO XURELO

Texto elaborado por Manuel Anxo Méndez Fraguas, membro da Agrupación Cultural Nós de Moaña e integrante da expedición que viaxou a bordo do Xurelo para denunciar os vertidos de toneladas de residuos radioactivos na Foxa Atlántica. Fotografías cedidas polo propio autor.

NaBeira. Bar de tapas e restaurante na Estación Marítima de Cangas.

 

A aventura da expedición do Xurelo na defensa do medio ambiente xestouse tras unha executiva de Esquerda Galega e comezou en Ribeira

Saímos de Ribeira, despois de preparar clandestinamente unha expedición á denominada Foxa Atlántica, un lugar no que sabiamos por informacións de Greenpeace e doutros grupos ecoloxistas que determinados países europeos estaban depositando alí milleiros de toneladas de residuos radiactivos procedentes das súas centrais nucleares.

A Foxa Atlántica está situada a unhas 300 millas do Cabo de Fisterra en dirección Noroeste e ten unha profundidade duns 4.000 m. Levabamos as coordenadas anotadas e unha carta mariña, pouco máis.

Estaba previsto que nos acompañara o Sirius, barco da organización ecoloxista Greenpeace, pero a mala sorte fixo que ficara averiado en Plymouth. Lémbrome que o responsable de Greenpeace a nivel internacional Remí Parmentier dicíanos por teléfono “Vós sodes a única esperanza”.

Os impulsores trataron sen éxito de que algúns concellos nos que tiñan representación axudaran a fletar un barco para realizar a protesta

Todo comezara na executiva de Esquerda Galega cando chegaron aquelas informacións da grave contaminación que estaba a realizarse nas nosas costas e Camilo Nogueira, Carlos Vázquez e Fernando Martínez Randulfe, entre outros/as, foron os que tomaron a decisión de propoñernos aos alcaldes e membros das corporacións de Esquerda Galega que fixeramos a proposta nos diferentes concellos costeiros de Galicia de fletar un barco e ir denunciar o que estaba acontecendo na Foxa Atlántica todos os meses de setembro cos bidóns de residuos que botaban periodicamente países como Bélxica, Holanda, Suíza ou Inglaterra. Milleiros de toneladas que se calculaban en máis de 140.000 naqueles momentos.

Os concellos e os partidos políticos non reaccionaron positivamente así que puxemos en marcha o Plan B que consistía en afrontar como Esquerda Galega a 1ª expedición.

E foi precisamente en Ribeira, onde o noso compañeiro Xosé Miguel Harguindey Banet, secretario da Confraría, propuxo a idea de ir alá a defender o mar, onde apareceu a figura de ÁNXEL VILA, patrón dun pequeno palangreiro chamado XURELO que aceptou o reto e dixo “que lle parecía ben” esa defensa do noso mar que era fonte de vida e de traballo para moitísimas familias galegas.

A EXPEDICIÓN DO XURELO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE
Tripulación do Xurelo (1981).

Comprometeuse a facer a viaxe con varios membros da súa tripulación habitual: con Cipri, o cociñeiro, cun maquinista e un mariñeiro, Juansuco e Amador.

Na actualidade, 2020, desgraciadamente xa non están entre nós, no mundo dos vivos Xosé Miguel Harguindey, Amador, Paco García, nin Ánxel Vila que nos deixou en decembro de 2011.

Fixo contas dos gastos o patrón e dos días necesarios, case unha semana, e chegamos a un acordo para pagárllelos. Desde a organización de Esquerda Galega, quixemos que a expedición tivera repercusión mediática, tanto en Galicia como no resto de Europa e do mundo.

Para elo convidamos a dous xornalistas de LA VOZ DE GALICIA, un fotógrafo e un redactor, Xosé Castro e Jesús Naya, a outros fotoxornalistas como Xurxo Lobato e Miguel Castaño que traballaban de Freelance e a outros representantes de grupos ecoloxistas como eran Roxelio Pérez Moreira do colectivo NATUREZA e Enrique Álvarez Escudero da Sociedade Galega de Historia Natural.

Por parte de Esquerda Galega irían os representantes dos concellos de Vigo, A Coruña e Moaña, os tenientes de alcalde Paco García, Gonzalo Vázquez Pozo e Manuel Anxo Méndez, ademáis do xornalista e escritor Manolo Rivas

Para os expedicionarios era toda unha sorte poder participar naquela aventura de denuncia do que estaba a acontecer a tan pouca distancia das nosas costas. Serían as primeiras imaxes que se poderían mostrar ao mundo daquela contaminación brutal.

Era un reto difícil porque sabiamos que o noso Xureliño contaba con poucos medios náuticos de navegación, eran tempos nos que non existían os teléfonos móbiles nin, por suposto, o GPS, e chegar á Foxa Atlántica non sería doado.

Contabamos eso si, coa experiencia do patrón, de Ánxel Vila, pero el mesmo recoñecía que nunca fora a tanta distancia da nosa costa. Realmente o seu barco non tiña as dimensións nin os medios técnicos para chegar alá.

A EXPEDICIÓN DO XURELO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE
Aquí estamos estudando as cartas mariñas atendendo ás explicacións do patrón: “rumbo, estima e hora”, eran a súas palabras.

Saímos unha tarde de setembro de 1981 do porto de Ribeira coa mar en calma

Pouco despois de abandonar a ría, acompañados polas gaivotas e paíños que voaban preto de nós, o patrón díxolle a Cipri, o cociñeiro: “Vaille preparando a cea a esta tripulación interina que temos millas por diante…”. El preguntounos se nos apetecían sardiñas asadas con cachelos e todo o mundo aceptou e púxose a colaborar.

Eu, que presumía de mariñeiro porque tiña un bote con motor no que ía de pesca cos meus amigos pola ría de Vigo algunhas veces, comecei a cheirar aquelas sardiñas asadas e de súpeto fun o primeiro e “botar a pota” pola borda ¡Co estómago baleiro! Detrás de min foron indo case todos.

O mar seguía en calma pero as ondas non eran as mesmas ca dentro da ría. O balanceo do barco era cada vez máis acusado e había que andar agarrándose ás cousas. Todos, menos o cociñeiro que era capaz de vacilarnos andando de pé facendo equilibrios pola varanda do barco.

Á tardiña, cando xa os medios de comunicación anunciaran a saída do Xurelo, recibimos pola radio unha chamada da “Ayudantía de Marina” preguntando polo patrón e ordeándolle que volvese para terra, porque non tiñamos permiso, non podiamos ir tan lonxe, moitos dos tripulantes non estabamos enrolados legalmente, etc. etc. Aquela chamada deixounos fríos, sen saber que facer por uns intres.

O patrón ordeou parar as máquinas e repensar a situación. A súa licencia de pesca estaba en xogo e as multas podían ser importantes. ¿Como iamos solucionar aqueles posibles conflictos? Estabamos a poucos meses do 23 F de 1981 e a cousa non era tan doada. Lémbrome que aquela mesma tarde pasounos por enriba a moi pouca altitude, un pequeno avión gris, militar estou seguro; mais como foi unha cuestión de segundos a ningún dos fotógrafos nos colleu coa cámara preparada na man. Penso que estabamos controlados.

A fortuna fixo que pouco tempo despois da primeira chamada das “Autoridades da Mariña” recibiramos outra informándonos de que podiamos continuar a viaxe pero que á volta xa falariamos. Disque houbera negociacións coa xente de Esquerda Galega que estaba en terra, en Ribeira e en Santiago e permitíronnos continuar. As caras amosaron unha inmensa ledicia e o patrón puxo rumbo á Foxa Atlántica a toda máquina sen aquel medo que nos producira a primeira chamada.

Tardamos un par de días en chegar ao lugar onde se producían os vertidos

Nos dous primeiros días navegamos cara o lugar dos vertidos e chegamos alá. A superficie que tiñamos debuxada nas cartas mariñas era tan grande que, como os cargueiros non aparecían, o Xurelo ía percorrendo a zona en forma de zig-zag.

Tiñamos medo de non atopalos, esa era a verdade. Penso que foi na terceira noite cando os que estaban de garda viron uns puntiños na pantalla do radar que se ían facendo algo máis grandes. Eran como dúas formigas moi pequerrechas.

Chamamos ao patrón e dixo inmediatamente: “Rumbo a eles, poden ser o noso obxectivo”. Cando amencía puidemos achegarnos a eles. Efectivamente alí estaban o Louise e o Kirsten Smits depositando a súa carga mortífera.

A EXPEDICIÓN DO XURELO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE

Puxémonos entre os dous e despregamos as pancartas, emitíamos mensaxes de protesta pola radiofonía en galego e en inglés, penso que berramos e tiramos flores ao mar como un símbolo porque estábamos nun cemiterio nuclear e aos cemiterios tamén se levan flores. Non sei a quen se lle ocorrería levar a bordo aqueles ramos de caraveis pero hei de recoñecer que a idea foi magnífica.

A EXPEDICIÓN DO XURELO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE

Comprobamos que efectivamente existía un cemiterio de residuos nucleares preto das nosas costas

Estabamos nun cemiterio de residuos nucleares moi perto das nosas costas para o que non foramos consultados. Aínda hoxe non existe consenso para facer un cemiterio de residuos en todo o Estado porque a xente considérao moi perigoso.

Cada vez que o penso … quen sabe en qué condicións estarán os bidóns depositados no fondo do mar hai máis de 37 anos e ninguén se preocupa de analizar esa contaminación.

Tiñamos que documentar os feitos e informar a opinión pública galega

Os xornalistas daban conta aos medios de comunicación daquela aberración que estabamos contemplando en directo e os concelleiros de Esquerda Galega informaban tamén pola radio costeira ás principais emisoras de radio e á prensa escrita.

A repercusión era enorme segundo nos contaban desde terra. Os bidóns caían ao mar desde os guindastres dos cargueiros de catro en catro ou de dous en dous, segundo lles cadraba. Pouco lle importabamos nós alí no medio.

Cando estabamos tan emocionados facendo fotos apareceu ao lonxe un pequeno barco gris, que se ía facendo cada vez máis grande ata chegar en pouco tempo ao noso carón como un imponente barco de guerra. Era a fragata PIET HEYN da mariña de guerra holandesa que estaba na zona protexendo a operación dos cargueiros e fora alertada seguramente por eles mesmos.

A EXPEDICIÓN DO XURELO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE

Os mariñeiros e oficiais da fragata estaban alucinados ollándonos desde alá enriba e facéndonos fotografías. ¡Como se atrevía aquel pequeño pesqueiro galego a desafiar aos enormes cargueiros! Estivemos a poucos metros deles e o patrón do noso Xurelo dicía:  “Misión cumprida. Deixémolos que o barómetro comeza a baixar e aínda temos un longo percorrido ata Ribeira”.

Voltamos orgullosos a Ribeira onde tivemos unha emocionante benvida

Voltamos co mar un pouco máis bravo. Xa nos pasaran os mareos a todos e estabamos orgullosos de ter atopado aos cargueiros porque non fora doado. Antes de chegar a Ribeira xa nos agardaba unha patrulleira da garda civil. Subiron a bordo e identificáronnos un por un.  Os fotógrafos agachabamos os carretes.

O recibimento no porto de Ribeira foi emocionante. Alí estaban as nosas familias, dirixentes de Esquerda Galega e moitas veciñas e veciños para felicitarnos.

A EXPEDICIÓN DO XURELO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE

A repercusión nos medios de comunicación foi enorme, houbo páxinas enteiras do FARO DE VIGO, de LA VOZ DE GALICIA e outros xornais que fixeron espertar a conciencia ecolóxica de milleiros de galegos e galegas. Ao ano seguinte xa se multiplicou a protesta tanto en Galicia coma no resto de Europa.

Esquerda Galega quixo saber cómo se transportaban os residuos e se cargaban no porto holandés de Zeebrugee e organizou unha expedición por terra ata Bélxica e Holanda no mes de agosto de 1982. En Galicia preparouse outra viaxe á Foxa Atlántica con catro barcos: volveu o Xurelo, tamén foi o Sirius de Greenpeace, o Arosa I e o Pleamar con moitos cargos políticos do PSGPSOE, BNG, PCG e varios xornalistas e ecoloxistas.

“O posible é moito máis do que un pode imaxinar”

O grupo de Esquerda Galega, co deputado Camilo Nogueira realizou varias accións de protesta en cidades holandesas: Bruxas, Boxtel, Amsterdam e en contacto cos grupos ecoloxistas europeos conseguíu paralizar un tren cargado de residuos nucleares que se dirixía ao porto militar de Zeebrugee onde se cargarían os mercantes.

Houbo encadeamentos ao propio tren, manifestacións, detencións e as protestas saíron nas primeiras páxinas dos xornais europeos. Pouco tempo despois o organismo internacional encargado do tema, reunido en Londres acordou unha moratoria prohibindo as operacións dos vertidos no mar e anos máis tarde decretouse a paralización total. Galicia venceu na batalla demostrando que “O posible é moito máis do que un pode imaxinar”.

Manuel Anxo Méndez Fraguas
+ artigos

Membro fundador e ex-presidente da Agrupación Cultural Nós de Moaña

2 comentarios

  1. full hd tek parça izle

    I enjoy, cause I discovered exactly what I used to be looking for. Laryssa Oran Samal

  2. Roberto Reboiro Díaz

    E quedan, por desgraza, moitas batallas por librar. A desaparición do monte galego en favor dunha descontrolada implantación da peste eucaliptal. Non demonizo a árbore, só quero que se delimite a súa explotación; non se pode permitir que calquera propietario cunha leira, de xeito ignorante, prante 30, 40, 50 eucaliptos achegados a calquera vivenda. Podemos abondar no tema

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.