ECOLOXISMO E CULTURA GALEGA DENDE A ALDEA DO HÍO

Texto elaborado polas persoas que forman parte da Asociación Cultural Ecoloxista A Dema do Hío.

A A.C.E. A Dema do Hío nace no ano 2023 coa intención de sumar novas iniciativas ao movemento asociativo do Hío

Nunha zona bulideira e comprometida como é a parroquia do Hío, xorde en maio de 2023 a Asociación Cultural Ecoloxista A Dema do Hío, unha agrupación formada por mozos e mozas, e non tan mozos nin tan mozas, que queren achegarse, xuntar e sumar iniciativas ao movemento asociativo do Hío.

É este un proxecto ilusionante e cheo de ideas que bolen no maxín das persoas que o
integran, apaixonadas da cultura galega e conscientes da importancia da música, e de determinados tipos populares, nos momentos de lecer das aldeas galegas. Mais tamén persoas preocupadas pola contorna, polo medio natural e pola necesidade de defendelo dende unha perspectiva ecolóxica e, ao tempo, dende a súa valoración máis social.

Os seus membros entenden que tanto a lingua galega, coma o ser galego son imposibles de entender afastándose da terra e da aldea

A lingua e a terra son factores determinantes e inseparables na definición da nosa idiosincrasia e é por iso que cómpre defendermos o medio e ese microuniverso da aldea, axudar a que non esmoreza ese cosmos que sofre a extinción en moitos lugares de Galicia e que, afortunadamente, no Hío aínda goza de boa saúde.

Xa que logo, con este entusiasmo e estas arelas de contribuír na dinamización cultural e mais na protección e defensa ecolóxica da contorna, a Dema organizou e colaborou dende a súa creación en diferentes actividades, entre elas a foliada da festa de San Xoán en Vilariño, cunha saída previa polo aldea para recoller as herbas do cacho ou a festa de Santiago en Donón o 25 de xullo.

En agosto, para dar continuidade á Festa Folk de Vilariño que viña organizando a A.C O Gato, celebramos a Festa Area e folk 2023 en Vilariño, un festival no que contamos coa participación de diferentes grupos de estilos diversos nos que primou a presenza do folk e a música do país.

A intención é colaborar co mundo cultural da parroquia, fomentar o seu recoñecemento, valoración, difusión e respecto polos costumes á beira da defensa do medio, atacado decote por diferentes axentes cada vez máis daniños.

Todo isto xa se vén facendo no Hío dende hai tempo, mais A Dema tamén quere xuntar o seu esforzo: programar actividades durante todo o ano polas diferentes aldeas da parroquia, axudar a que as festas tradicionais non esmorezan, favorecer toda sorte de iniciativas culturais e, en todos os actos, primar a compoñente ambiental, o respecto polo medio e a súa defensa dende unha perspectiva consciente dos estragos que sofren o mar e os montes debido á irresponsabilidade das persoas.

A.C.E. A DEMA DO HÍO E A FESTA AREA E FOLK DE VILARIÑO
Presentación do Area e Folk de Vilariño 2023 coa alcaldesa, Araceli Gestido, e a concelleira de Cultura, Aurora Prieto.

Coma quen di a Dema acaba de nacer, mais agroma, como dicían na década dos 90 os membros do movemento Bravú, con forza abonda para tronzar o Universo.

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.