DO MAR Á CAMA DE DESPECE
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez. Socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.
Os baleeiros ou catchers eran obsoletos buques de vapor noruegueses ou ingleses duns 40m de eslora que se internaban ata 50 millas en busca de cetáceos, concretamente cachalote e rorcual común.
Eran rápidos e silenciosos, o que facilitaba a aproximación aos cetáceos, aos que cazaban lanzando un arpón dende o canón que estaba situado na proa, nunha zona elevada respecto o resto do casco e conectada por unha pasarela coa ponte.
Ese tipo de canón pesaba preto de 80kg de peso e o arpón que lanzaba contaba con 4 garfos articulados que unha vez impactaban se abrían automaticamente para aferrar a presa.
Chegou a empregarse o “arpón quente” para matar a balea
Ás veces, na punta do arpón poñíase unha granada explosiva bastante pesada para acelerar a morte do animal, o que facía que para o seu manexo fosen necesarios dous homes.
Este sistema coñecido popularmente como “arpón quente“, pronto deixou de empregarse. O motivo non foi a crueldade que supoñía como forma de dar morte aos cetáceos, senon porque se destrozaba a carne e iso afectaba ao prezo que a empresa podía obter por ela.
A boa organización do traballo a bordo era moi importante
Segundo contan os mariñeiros, a caza das baleas soía realizarse a maioría das veces a unhas 40 millas da costa nas zonas de Currubedo, A Garda ou Ribadeo seguramente porque nesas zonas os cetáceos atopaban deliciosos calamares xigantes, potas, anguías ou incluso polbos.
O patrón ía manexando o barco e unha vez que o vixía ou “balconeiro” detectaba algún exemplar, seguía as súas instruccións para aproximarse.
Unha vez o barco estaba a distancia adecuada, procedíase ao lanzamento do arpón para alcanzar ao animal, reducilo e amarralo ao costado do barco normalmente aplicándolle aire comprimido para que non afundise.
Se a xornada de pesca era boa e tiñan a tiro varios exemplares, en lugar de amarrar a captura ao costado da embarcación, a balizaban no mar e ían a pola seguinte captura, sendo ao final cando recollían todas as capturas e as amarraban aos costados do buque.
As capturas tiñan que ser despezadas nun prazo máximo de entre 10-12 horas para que a carne non perdese calidade, polo que unha vez rematada a xornada o buque tomaba dirección á factoría sen demora.
Unha vez chegaba, amarrábanse as capturas nunha boia para que viñese un operario cunha embarcación a remo e coa axuda dunha pinza de xaiba, unhas tenazas de ferro unidas a cables de aceiro, remolcase o exemplar. Logo, mediante a acción dun potente guinche chamado “dunke”, subía a balea á “praia” ou cama de despece.
Como último paso antes de proceder ao despece, medíanse a lonxitude e a altura do exemplar para estimar o diámetro e poder así calcular o peso do animal mediante unhas táboas matemáticas que variaban segundo a especie da que se tratase.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta