ARQUITECTURA DE USO LABREGO NA BEIRA DO MAR
Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala, socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia e Patricia Novas Menduíña, Guía Oficial de Galicia.
Malia de estar rodeada de mar por case todas as partes menos por unha, os habitantes da península do Hío, tradicionalmente, dedicáronse máis a traballar a terra que á pesca. De feito, se nos fixamos nas formas das casas tradicionais, están deseñadas para un uso labrego.
Estas casas están construídas en terreos que non son aptos para o cultivo para non desaproveitar nin un centímetro de terra cultivable. De feito, adoitaban construírse en zonas de rocha para aproveitar xa a pedra para a súa construción.
O baixo da casa ten que ter unha altura axeitada para permitir a entrada do carro e dos animais de tiro
Neste andar, o baixo da casa, é onde se encontran as cortes e, tamén, a cociña. As cortes ocupan tanto ou máis espazo que o resto da vivenda e o piso está cuberto de estrume (vexetación propia do monte como toxos, fentos, herba etc.) que serve de cama para os animais e que, mesturado cos excrementos do gando, serve despois de abono para o campo.
A cociña era pouco máis que o espazo ao redor da lareira. Constaba dun escano, isto é, un banco con respaldo e un asento que serve de tampa a unha especie de caixa formada por este moble, e que pode ter unha táboa móbil utilizada como mesa.
Nun entrante da parede atopamos a dorna ou dornallo que se empregaba para fregar os pratos, unha arca de tampa lisa para gardar as provisións e algúns ocos no muro que servían de despensa.
Na planta alta atopábanse a maioria dos cuartos
Accedendo por unha escaleira situada na cociña, subíase á planta alta onde están situados, normalmente, a sala e máis os cuartos. O chan era de madeira para permitir que a calor producida polos animais quentase todo o piso de arriba.
O maior espazo deste andar era a sala ou “cuarto de respecto”. O mobiliario é sinxelo: unha mesa e unhas cadeiras que, na maioría dos casos, só se usan en días de festa, un chineiro para gardar a louza e máis o cristal, unha arca e ás veces unha cama.
A través da sala accedíase aos cuartos, habitualmente dous ou tres (se é que estaban divididos), que tampouco terían moitos mobles: unha ou dúas camas de madeira/ferro, unha arca para a roupa, un colgadoiro, fotos dos familiares emigrados ou mortos e quizais unha almofía (recipiente en forma de cunca, máis ancho ca fondo, que se usa xeralmente para lavarse).
Era importante a existencia de construcións auxiliares
Aínda que a casa era a construción principal, o certo é que unha vivenda labrega non se entende sen toda unha serie de construcións auxiliares. Arredor da casa estaría situado o palleiro, a adega, o galiñeiro, … e nun lugar ben ventilado, construíase o hórreo para o secado e conservación do millo e doutros produtos agrícolas. Esta construción está elevada sobre uns pés para manter o interior afastado da humidade e dos animais.
Hoxe en día case ningún veciño traballa xa a terra pero, ata non hai tanto, era moi importante posuír un anaco de terra para o cultivo. Os veciños saían a pescar ou a mariscar máis para complementar as ganancias do agro que como un medio de vida en si mesmo.
Ata a chegada dos fomentadores cataláns no século XIX a agricultura continuou sendo a actividade principal
Os costumes foron cambiando e mentres os homes ían pescar, as mulleres traballaban nas fábricas de salgadura e posteriormente nas fábricas de conserva. Daquela este era un sector moito máis produtivo que o cultivo da terra para o autoconsumo.
E é que estas fábricas deron traballo tamén a moitas mulleres que, por primeira vez, levaban un soldo á casa. Testemuña deste pasado son, por exemplo, a antiga fábrica de Ameixide (preto da praia de Arneles) ou a hoxe casa rural Casa de Aldán, que ocupa unha antiga fábrica de salgadura.
Co paso do tempo as casas típicas labregas fóronse adaptando aos novos tempos e ás novas necesidades e gustos, modificando a súa fisionomía e distribución. Pero se sabemos mirar, veremos que aínda están aí, construídas nun sitio estratéxico e cunha forma acorde coas necesidades doutros tempos.
Liliana Cancelas Gargamala
Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia
2 comentarios
Redacción A Illa dos Ratos
Totalmente dacordo, Luis.
Luís
Ben certo, as persoas adaptándose ós tempos
Moito traballaron nosos ancestros.
De sol a sol
Non debemos esquecer noso pasado