AS CASAS FIDALGAS GALEGAS: A CASA DO ROSAL
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.
Ao longo do Antigo Réxime, a pequena nobreza rural galega tiña na posesión da terra o seu principal e case exclusivo xerador de recursos económicos cos que logo gozaba dun indiscutible prestixio social.
Foi xa no século XVI cando comezaron a xurdir as grandes casas fidalgas galegas. Mediante ventaxosos acordos coas institucións eclesiásticas e a nobreza titulada, estas novas elites conseguían unha serie de terras que logo cedían ao campesiñado a cambio dunha renda máis elevada mediante un contrato de foro.
A transmisión do patrimonio familiar que se ía acumulando facíase por completo a un só fillo, polo xeral ao primoxénito varón, en forma de morgado
Isto permitía manter case sen fisuras e durante varios séculos todo o poderío acumulado pola liñaxe. Ademais, este patrimonio podía verse incrementado mediante compras ou vantaxosos matrimonios endogámicos, algo moi común nese estrato social.
Un caso que nos serve para ilustrar esta política hereditaria mediante morgados é o da “Casa do Rosal”, concretamente imos centrarnos na unión matrimonial de D. Álvaro Suárez de Deza e Dna. Constanza López de Romai, que viviron entre finais do século XVII e principios do XVIII.
O patrimonio resultante desta unión foi considerable dende o momento do enlace. Cada un dos cónxuxes aportaba á sociedade matrimonial os bens herdados dos seus respectivos devanceiros pero, ademais, foron adquirindo novas propiedades durante o matrimonio, case sempre mediante compra de bens e terras a outros parentes.
No momento de legar este importante patrimonio, dado que non tiñan descendencia, designaron como herdeiro ao seu sobriño Gonzalo Saavedra Romai que recibiría ese gran patrimonio en forma de morgado, o que serviu para poñer os cimentos da que sería a Casa do Rosal.
Co paso do tempo este patrimonio debeuse ir incrementando ata chegar ás cantidades recollidas nun inventario post mortem de D. Nicolás Saavedra, no 1703, que permite afirmar que por esas datas a Casa do Rosal era unha das máis ricas e poderosas do Morrazo e incluso de toda a ría de Vigo.
A linaxe dos Saavedra continuaría acumulando patrimonio e enseñorando a Casa do Rosal ata principios do século XX cando Dona Dolores López Saavedra e o seu marido D. Luis López Guitián faleceron sen ter descendencia directa. O seu legado recaería nos tres fillos varóns dunha irmá de Dna Dolores chamada Dna Purificación que estaba casada con escritor e avogado santiagués D. Amador Montenegro, iniciándose así unha nova linaxe.
Os Montenegro estiveron á fronte da casa ata finais do século XX cando os herdeiros fraccionaron e venderon a casa-pazo e os terreos lindantes dando orixe á urbanización do Rosal.
O Pazo do Rosal como centro de produción agraria e das relacións económicas
Ademais de ser a residencia dos señores, o pazo constituía un importante centro de produción agraria sobre o que tamén xiraban todas as relacións económicas propias do réxime señorial.
Dende alí os Saavedra unicamente levaban un control directo sobre os bens do Morrazo, sobre todo no referente ao cobro de rendas, pero tamén en relación a diversas inversións como a compra de muíños ou a práctica de empréstitos aos campesiños que se vían necesitados e que moitas veces non podían atender os pagos e acababan vendéndolles as súas terras aos prestamistas para saldar as débedas contraídas.
A edificación do Pazo de O Rosal sufriu moitas reformas ao longo do tempo
Aínda que resulta moi complicado coñecer o cúmulo de arranxos, ampliacións e melloras da edificación, o que si está documentado é que o edificio orixinal foi levantado no 1640, coincidindo coa chegada da liñaxe dos Saavedra.
O pazo situouse estratexicamente nun cumio de 57 metros de altura que lle permitía aos señores manter dominado o territorio de influencia.
Con posterioridade o edificio tamén se acompañou dunha capela na honra de San Gregorio que, ata ben entrado o século XX, contaba con gran devoción popular entre a poboación da zona.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/22/07/2020
Deixa a túa resposta