ORGANIZANDO O MORRASOUND ROCK FEST… E MOITO MÁIS.

Texto elaborado por Óscar Rivas Corrales, Presidente da A.C Fontenla.

A Asociación Cultural Fontenla nace en outubro do 2015 na parroquia de Domaio, en Moaña, para tratar de cubrir coa nosa proposta as lagoas socioculturais na zona sur de Galicia, máis en concreto na comarca de O Morrazo.

O principal obxectivo da A.C Fontenla é a organización do Morrasound Rock Fest, un festival de música rock, artes escénicas e circenses e deportes alternativos

O colectivo está composto por profesionais de diversas disciplinas relacionadas coas características do evento e vencellados ao eido cultural,  tales como a música, o sector artístico, artes gráficas, comunicación, deportes ou hostalería.

O Morrasound Rock Fest é o evento principal dende a formación da nosa Asociación. Dende o 2016, agás no 2020, celébrase no mirador da Fontenla, en Domaio, durante dous días dun fin de semana no verán. O festival céntrase no mundo da música Rock , as artes escénicas e os deportes alternativos. Á súa vez danse servizos de animación e xogos, obradoiros para rapazada e familias, mercado, gastronomía, xogos, etc.

ASOCIACIÓN CULTURAL FONTENLA

MÚSICA

Realizamos a programación de 11 bandas de música Rock (no senso máis amplo, rock, blues, soul, punk, stone, garaxe, etc), distribuídas en dous escenarios e nos dous días de festival, contando con bandas locais e comarcais, galegas, estatais e internacionais.

Así pasaron artistas como: The Lelli Kelly´s, RuxeRuxe, Sés, Familia Caamagno, The Limboos, Sex Museum, Los Deltonos, Guadalupe Plata, Julián Maeso, The Bellrays,  The Brew, …

ARTES ESCÉNICAS

Realizamos a programación de 3 compañías teatrais e circenses nun escenario propio e nun dos días do festival, diferenciando segundo horarios para obras familiares e para máis adultos, contando con compañías locais e comarcais, galegas, estatais ou internacionais.

Así pasaron artistas como: Moito Morro Teatro, AsSircópatas, Pajarito, Peter Punk Pallaso, Píscore Teatro, Rodrigo Cuevas, Kanbahiota Troup, Leo Bassi…

DEPORTES ALTERNATIVOS

Durante a programación do  festival realízanse circuítos para probas clasificatorias e concurso de DirtJump, PumpTrack e FreeStyle con bicis BMX-BMT, e unha pista de snowboard para exhibición.

Con riders tanto locais como nacionais e internacionais como: Carlos Guerrero “Carolo”, Bienbenido Aguado, Sergio Layos, Nuno Pintas, Ricky Grimal, Neil Soler, Roger Soler, Marta Corbi, Javier Pajares …

OBRADOIROS

Durante o día principal do festival ademais da animación, prográmanse diversos e divertidos obradoiros, xogos e accións para a cativada e familias con relación aos artistas e artes escénicas.

Deste xeito a cativada faise protagonista do festival e o viven coa familia e as amizades, mentres aprenden e desenvolven as súas capacidades artísticas.

MERCADO,  GASTRO E ASOCIACIÓNS

Durante todo o festival reservamos unha zona para o mercado de artesanía, postos de asociacións e ONG´s, e unha zona para gastronomía variada para gozar do festival e dar a oportunidade aos pequenos artesáns e asociacións sociais e culturais para darse a coñecer.

Na actualidade estamos a traballar na organización do festival para o ano 2021.

ASOCIACIÓN CULTURAL FONTENLA

Aproveitando o traballo realizado para a preparación do Morrasound Rock Fest, a A.C Fontenla constrúe unha ampla oferta cultural ao longo de todo o ano a través de diversas iniciativas

Grazas á variedade de campos profesionais que abarcan os nosos socios, xunto coa contratación e colaboración doutros profesionais para os eventos, contamos con expertos asesores que cobren todos os aspectos técnicos que conleva a realización do festival e outros eventos propios.

E apoiándonos en isto e para dar resposta ás nosas inquedanzas culturais, tanto no sector da industria musical, como das artes escénicas e dos eventos deportivos alternativos, comezamos a traballar co obxectivo de converter ao Morrasound Rock Fest nun fito na rexión sur de Galicia, que actualmente carece dun evento nas que se vexan cubertas todas estas disciplinas artísticas.

ASOCIACIÓN CULTURAL FONTENLA

Deste xeito e aproveitando a preparación e organización dos contidos do festival, á súa vez, no percorrer do ano, realizamos diversos eventos propios, que nos serven para promocionar artistas locais, o festival, e outros eventos colaborando con outras asociacións culturais,  colectivos e administracións.

ROCKMERÍAS

Durante o percorrer do ano, e no traballo de programación e organización do festival realízamos eventos musicais e teatrais en datas marcadas coa intención de promocionar as bandas locais e comarcais e á súa vez como reclamo e promoción do  festival.

Como o nome creado indica, non deixa de ser un xeito de facer unha romería tendo a base da música rock para manter unha visión máis nosa do evento.

FEIRA ECO-ARTESÁ DE DOMAIO

Dende o 2016 levamos organizando esta feira ecolóxica no parque da Queixeira en Domaio, onde os artesáns da comarca amosan e venden os seus produtos feitos cunha impronta ecolóxica e sostible.

Ademais da organización dos postos aproveitamos para a presentación dalgunha banda da comarca para amenizar algúns momentos da feira e que lles serva de promoción e relanzamento.

FESTA DO SAMAÍN

Tódolos 31 de outubro, detrás da Praza de Abastos de Moaña celébrase este evento dende a tarde ata a noite pechada, no que participa toda a familia. Xogos, obradoiros, contacontos de medo,  concursos de disfraces, doces típicos destas datas, chocolatada, e outras diversas accións dirixidas sobre todo á cativada, e a manter e transmitir ás orixes celtas do día dos mortos ou Samaín.

OBRADOIROS

De xeito puntual e esporádico realizamos obradoiros variados para a cativada de Moaña, como por exemplo o obradoiro de graffiti ao que convocamos ás familias para que exploraran nas súas expresións gráficas, con bocexado e debuxo, expresión, cor e aplicación. Este obradoiro foi realizado entre a Praza de Abastos e o Parque do Concello, dentro do programa “Días de Mar” do Concello de Moaña.

AXENDA CULTURAL

A través da nosa páxina de facebook, Asociación Cultural Fontenla, mantemos unha axenda semanal dos actos sociais e diversos eventos musicais, teatrais, artísticos, literarios, e de outras variedades, a realizar na nosa  comarca de O Morrazo e na área metropolitana, para dar visibilidade e pulo a actividade cultural e ás salas e asociacións que as promoven. Mantemos actualizada o rebuldeiro cultural comarcal e dos nosos propios eventos.

Ademais a A.C Fontenla tamén realiza diversas colaboracións con outros colectivos

Durante o ano realizamos de xeito fixo e esporádico diversas colaboracións con outras asociacións, colectivos e administracións, levando diferentes responsabilidades, dependendo do evento ou do organizador que nos ofrece a colaboración. Así podemos levar promoción, animación, barras, son ou bandas e artistas comarcais.

ASOCIACIÓN CULTURAL FONTENLA

SAN MARTIÑO

Animación, montaxe de barras, programación musical con bandas locais ou comarcais, e promoción en colaboración cos colectivos asentados no adro, durante as festas de San Martiño.

JAM MARTIÑO

Encontro en colaboración co colectivo de músicos e artistas da comarca nun evento realizado na véspera e o día das festas de San Martiño normalmente na Casa da Cultura de Abelendo.

FESTA DA DIVERSIDADE

Animación, montaxe de barras,  e promoción en colaboración co Concello de Moaña nun evento músico-teatral celebrando a diversidade e visibilización dos colectivos LGTBI, a finais de maio no parque da Xunqueira.

ENTROIDO

Animación, montaxe de barras, programación musical con bandas locais ou comarcais, e promoción en colaboración cos colectivos e comparsas.

MOAÑA ANTÍQUA

Animación, montaxe de barras,  e promoción da festa medieval Moaña Antíqua organizada polo Concello de Moaña na parroquia de San Martiño.

PRO-ACTIVISMO

Animación, montaxe de barras, e apoio na mobilización e reivindicación da Plataforma ProAuditorio Moaña, para acadar a construción dun necesario auditorio para o Concello de Moaña.

Se che gusta o que facemos e desexas contactar con nós, podes facelo polas seguintes vías:

Asociación Cultural Fontenla

Correo electrónico      ascfontenla@gmail.com

Facebook                  @ascfontenla          Asocación Cultural Fontenla

Morrasound Rock Fest

Páxina web              www.morrasound.com

Correo electrónico     info@morrasound.com

Facebook                  @morrasoundrockfest     Morrasound Rock Fest

Instagram                 @morrasoundrockfest     Morrasound Rock Fest

Twitter                      @morrasoundfest  Morrasound Rock Fest

Youtube                    Morrasound Rock Fest

Spotify                      Morrasound Rock Festival

Óscar Rivas Corrales

Presidente da A.C Fontenla

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.