UNHA BIBLIOTECA CON ALMA DE MADEIRA EN CANGAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos en colaboración con Agustín Soage Bastón, promotor do proxecto “Biblioteca das Madeiras do Mundo”.

“A madeira é unha forma que nos achega á mirada dunha árbore e a sabedoría e a memoria que esconde no seu interior; os libros resultantes, ademais de devolvernos a súa mirada, tamén nos mostran o corazón da madeira que empregamos”

Agustín Soage Bastón forma parte da terceira xeración dunha familia adicada á madeira. En 1934 o seu avó paterno comezou cortando árbores para subministrar troncos a empresas do sector e acabou instalando o seu propio serradoiro, o mesmo no que hoxe en día xira a vida de Agustín e a súa irmá.

Dende o seu “Eco Espazo da Madeira”, situado no número 44 da Avenida de Ourense, crea de xeito artesán tanto mobles como outras pezas e dende fai uns anos traballa para convertelo nun espazo cultural onde facer exposicións, presentacións de libros e outras propostas.

Unha moi especial é a Biblioteca das Madeiras do Mundo, a iniciativa da que vos falaremos neste artigo e que, como cada ano, se puido visitar de maneira gratuíta entre o 17 de maio e o 11 de xuño, coincidindo coa celebración do Día das letras galegas.

BIBLIOTECA DE MADEIRAS DO MUNDO

A Biblioteca das Madeiras do Mundo, unha iniciativa orixinal e única que xurdiu en Cangas da man de Agustín Soage Bastón

Coa madeira como fonte de inspiración, foi no ano 2013 cando este artista tivo unha das súas brillantes ideas para achegar este elemento natural, saudable e ecolóxico ao sentir humano: crear unha biblioteca de libros de madeira

A iniciativa xurdiu precisamente do coñecemento e o amor este artista e artesán profesa polas diferentes especies de árbores que leva traballando toda a vida. Para os primeiros exemplares, empregaba os restos que lle sobraban dos recortes de madeira do seu taller (piñeiro, eucalipto, carballo, acacia ou castiñeiro) pero co paso do tempo comezou a incorporar outras especies de orixe tropical (sapelli, wengué, teca de Birmania) ou frondosas americanas.

BIBLIOTECA DE MADEIRAS DO MUNDO
Este foi o primeiro exemplar da biblioteca, creado por Agustín Bastón a partir dunha peza de piñeiro e no que se poden apreciar unhas siluetas humanas e incluso integra unha das vetas da madeira a xeito de un corazón.

Cada libro da Biblioteca das Madeiras do Mundo xorde a partir dun anaco de madeira coa súa propia historia

O proceso de cada novo libro da biblioteca é case sempre o mesmo. Agustín selecciona o tipo de madeira e logo a traballa para darlle forma de libro. Logo entrega as pezas a amigos e coñecidos para que empreguen a súa creatividade sen ningún tipo de condición previa e van incorporando textos, poemas, debuxos ou incluso algún obxecto.

As diferentes características de cada especie de madeira empregada, o seu lugar de procedencia, os usos para os que foi empregada ou as condicións ambientais ás que estivo exposta, fan que cada anaco de madeira sobre o que Agustín comeza a traballar xa sexa orixinal e conte cunha identidade propia de seu.

A maiores cada peza incorporará ademais a personalidade e os sentimentos que aportan os diferentes autores, condicionados polas súas profesións, vivencias, cultura, lingua ou incluso polos seus momentos vitais.

Todo isto provoca que cada libro da Biblioteca das Madeiras do Mundo conte unha historia diferente e que cada peza teña a súa propia alma, sendo única e irrepetible.

BIBLIOTECA DE MADEIRAS DO MUNDO
Libro realizado polo escultor cangués Henrique Prado Miranda empregando madeira de caoba que pertenceu á Fragata Bailén que foi despezada en Ferrol en 1865.

Entre os máis de 200 libros da Biblioteca das Madeiras do Mundo podemos atopar obras de persoas moi diferentes

Podemos falar da Biblioteca das Madeiras do Mundo como un proxecto multicultural e transversal no que a día de hoxe teñen participado autores de 11 países (España, Portugal, Francia, Perú, Alemaña, Inglaterra, Xapón, Bélxica, Colombia, República Dominicana e Grecia) e 7 linguas diferentes.

Grazas a esta gran diversidade, entre os autores desta particular colección, podemos atopar obras de nenos e nenas, estudantes, actores, médicos, escultores, profesores, músicos, arquitectos, artesáns, carpinteiros ou cociñeiros, moitos deles cunha especial relevancia no seu ámbito.

Deste xeito, atopamos obras de persoas relacionadas directamente con Cangas como Xosé Vázquez Pintor, Henrique Prado Miranda, Honorato Parcero ou José Vieira, pero tamén de outras persoas que non o están tanto como caso do televisivo Víctor Fábregas, o escritor Manuel Lourenzo ou o produtor e director Ángel de la Cruz.

Como destacar algunha obra concreta sería unha tarefa complicada, a continuación vos presentamos algúns dos libros que poderedes contemplar se vos animades a pasarvos pola exposición. 

A medida que esta biblioteca crece cada ano, a súa repercusión mediática tamén se vai incrementando con entrevistas en radio, televisión, prensa escrita e dixital

Un exemplo é a entrevista que lle realizaron a Agustín Soage Bastón o pasado 31 de maio de 2023 na TVG, na que fala do proxecto a partir do minuto 56:38.

Queremos agradecer a Agustín Soage Bastón a súa colaboración para a elaboración deste artigo e tamén felicitalo por esta orixinal iniciativa cultural tan enriquecedora, transversal e diversa. Desexamos unha longa vida a este proxecto e que nun futuro poidamos contar cun espazo axeitado no Morrazo para que este tipo de coleccións poidan ser expostas e visitadas durante todo o ano. 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Patricia

    Muy interesante una vez más y poder disfrutar in situ de todas esas obras en madera.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.