A LÁMPADA QUE SE FOI CO VENTO ENTRE OS TESOUROS SAQUEADOS NA BATALLA DE RANDE

 Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía Oficial de Galicia. 


“Mirei as Naves arder Vin volto en volcan el mar, homes polo aire correr, lume na auga encender” …… Anselmo Feijo Montenegro quintilla polo pranto da Frota.
 

Entre os tesouros saqueados na Batalla de Rande está acreditada a existencia dunha excepcional lámpada votiva da Colexiata de Cangas

Corría o ano de 1690 cando a Confraría do Santísimo Sacramento de Cangas recibía a lámpada votiva para a súa Colexiata e outra, de menores dimensións, para a Igrexa de Darbo, ambas as dúas de prata mexicana e labradas a cicel.

BATALLA DE RANDE

Foran enviadas a través da Frota de Indias, dende Xosé de Parral, onde emigrara anos antes Don Juan Ignacio de la Vega e Soutomaior, Señor do Pazo de Sistro (Ambos Ríos) en Coiro, quen tivo tal cortesía coa súa terra natal.

O que non imaxinaban entón, é que en outubro de 1702 a Ría de Vigo veríase sorprendida pola presencia de buques españois e franceses buscando acubillo na Enseada de San Simón, perseguidos por buques da Liga de Inglaterra e Holanda, desencadeando a Batalla de Rande.

O contexto histórico previo á Batalla de Rande estivo marcado pola Guerra de Sucesión Española e a saturación do mercado americano

Para entender este feito histórico é preciso remontarse a un contexto inmediatamente anterior, concretamente a 1697, cando España estaba en guerra con Francia (como case sempre neste século XVII) e coa Paz de Ryswick remataba con 9 anos de guerra.

Visto que España xa entrara en decadencia en canto a armada naval, o Rei Carlos II considerou que o Imperio Español estaría mellor defendido coa axuda de Francia, polo que poucos anos despois e, contra todo prognóstico, cambiaría o seu testamento, deixando a coroa ao Duque de Anjou, futuro Felipe V de España, o que significaba o fin da Casa dos Austrias e o inicio dos Borbóns.

Esta alianza entre as potencias tradicionais de España e Francia provoca que as florecentes potencias do norte de Europa como Inglaterra, Austria e Holanda apoien en alianza ao outro pretendente, o Arquiduque Carlos, irmán do emperador de Austria iniciando así a Guerra de Sucesión, unhas disputas dinásticas entre curmáns que non foran máis que un pretexto para un conflito pola hexemonía Europea.

O cargamento dos barcos da Batalla de Rande era froito dos intercambios comerciais da chamada “Carreira de Indias”

A orixe do cargamento de Rande estaba na liña de intercambios comerciais establecida entre os reinos hispánicos e o “Novo Mundo” a partir do século XVI, a chamada “Carreira de Indias”, e que en 1564 establecería o “Proxecto de Frotas”, un sistema de dous convois anuais protexidos por seis ou sete galeóns.

Este complexo sistema de transporte aseguraba o éxito das comunicacións transoceánicas e a carga contra inimigos e piratas e garantiu a España unha extraordinaria cantidade de prata, a pesar das diversas dificultades e hostilidades.

Este foi de feito o principal motivo que impulsou o comercio con América, sobre todo a prata extraída das fecundas minas de Potosí e Zacatecas que obtíñase polo proceso de amálgama empregando  mercurio ou azougue, para cuñarse logo en lingotes ou moedas. O mercurio era importado das minas de Almadén en España polo que as frotas adoitaban ir acompañadas polos azougues ou galeóns para transporte de mercurio.

A partir de 1571 o transporte complicouse aínda máis cunha liña de comercio directa con Asia cruzando todo o Pacífico. Dende alí chegaban produtos caros coma sedas, especias ou porcelanas ao porto mexicano de Acapulco, para trasladarse por terra a Veracruz, onde se unían á frota de Nueva España e iniciaban a “tornaviaxe”.

Deste xeito os reinos hispánicos mantiñan un comercio autónomo con Oriente, facendo unicamente escalas nas súas propias colonias. Esta planificación de frotas, realizada dende o descubrimento de América, aínda que con enormes fallos, mantivo unha comunicación continua na “Carreira de Indias”.

En 1702 saían un mínimo de dúas frotas ao ano, que regresaban no ano seguinte. A destruída en Rande era a que saíu de Cádiz o 29 de xuño de 1699 ao mando de Manuel de Velasco e José Chacón.  Atravesaran o atlántico sen ningún contratempo, chegando as illas caribeñas en outubro, onde se separaban os que ían a terra firme dos que ían a Veracruz, “Nueva España”.

BATALLA DE RANDE

Unha vez alí, por diversos factores, atopáronse con problemas para organizar a volta. Os máis relevantes foron a propia Guerra de Sucesión Española e a saturación do mercado americano, que provocou que as mercancías que levaban nos galeóns non tiveran saída. Foron atrasando o regreso máis do normal e acumuláronse tantas riquezas e o cargamento que chegaría a Rande sería alcumado como “o maior tesouro que nunca tivo cruzado os océanos”. 

Mentres isto sucedía, os franceses, cumprindo o seu acordo derivado da súa alianza coa monarquía española, mandaron en dúas ocasións escuadras de defensa a la Habana para protexer a frota, conseguindo partir en 1701 con dúas escuadras ao mando de Chateau Renault non sen forzar a saída. 

A “Frota de Indias”, ante os enfrontamentos que pola guerra están sucedendo en Cádiz, acabou partindo con destino o porto de Pasaxes pero finalmente remataría en Vigo

Por fin, o 24 de xullo parte de La Habana a frota co cargamento máis importante dos últimos anos na “Carreira de Indias”, cargada a tope coa mercancía de dous anos que, entre galeóns, navíos de guerra, e outras embarcacións sumaba 57 unidades.

O máis curioso é que a pesar de que todos procedían de Cádiz, o destino secreto por orde da Raíña Mª Luisa era o porto de Pasaxes, para evitar así as coñecidas corruptelas constantes nos portos habituais de Cádiz e Sevilla.   

A Guerra de Sucesión Española, reflectida nunha guerra civil, tamén inflúe nesa decisión. Os países da Alianza sabían que había partidarios de Felipe V en Castela, pero Cataluña ou as zonas do interior eran partidarios de Carlos, motivo polo que pensaron que se lograban conquistar Cádiz, poderían proclamar Rei ao Arquiduque Carlos, e de paso, roubar algunha frota que chegase por aquel intre. Nesta tentativa os inimigos sofren como condenados, perdendo moitos homes fóra das murallas de Cádiz polo que deciden a retirada, logo de varios consellos de guerra.

Mentres, a frota hispano francesa chega as Azores e será o barco de Pedro Bora, “Nuestra Señora del Coro”. quen consiga chegar ata ela para darlles a carta do Consello de Estado de Mª Luisa, na que se incide que o porto de destino debía ser Pasaxes e, de non poder ser, tiñan as opcións de Ferrol ou Vigo.

No barco “Le Fort” de Chateau Renault, celébrase o Consello de Guerra onde a opción de Vigo pesou bastante por varios motivos. Primeiro, por ser unha recomendación da Raíña, seguindo polo feito de que José Sarmiento de Valladares, natural de Redondela, Conde de Montezuma e Virei das Españas, viaxara nun dos galeóns.

Tamén porque varias escuadras na zona de Fisterra lles impedían ir cara ao cantábrico, e porque curiosamente os franceses coñecían moi ben as Rías de Vigo e Pontevedra, onde era habitual a presenza nos séculos XVII e XVIII de corsarios franceses de Brest, Nantes, Burdeaux, Saint Maló….etc, ata tal punto que en 1668 un almirante francés chegou a propor a Luis XIV cambiar a Ría de Vigo por territorios en Flandes, … agora estaríamos todos pola Ría falando frances.  

A Frota entra na Ría de Vigo o 21 de setembro, onde agardáballes o Príncipe de Barbanzón, capitán Xeral do Reino de Galicia, para organizar a defensa e a descarga e transporte da prata oficial

Tardaron catro días en meter todos os barcos dentro da Enseada de San Simón, incluídos algúns que estaban no porto de Vigo. Ante os rumores de que o inimigo sabía deles, reforzaron as defensas terrestres: unha batería no Castelo de Rande e outra mais no lado oposto, en Corbeiro, artilladas con canóns dos barcos franceses.

Caváronse trincheiras nas praias próximas e unha estacada de mastros, cabos, cadeas tendidas entre ambas puntas impedindo o paso a enseada, e dispoñendo a maioría de barcos franceses en media lúa, pechando o estreito, para protexer os galeóns no interior da baía, situados cara ao sur oeste, de máis profundidade.

BATALLA DE RANDE
Grabado sobre a Batalla de Rande realizado por James Basire na segunda metade do século XVIII.

A orde da Raíña era moi clara, descargar a prata oficial en carros de bois, enviando para tal fin a Juan Larrea, coa misión de confiscar todo o que puidera pertencer especialmente a estranxeiros.

O Príncipe Barbanzón pide carros a provincia de Tui, de Pontevedra e de Santiago, planificando rutas. A ruta principal era Lugo-Santiago, levando primeiramente o pertencente a Facenda Real cunha lista exacta de caixóns, arcas e cousas que lle correspondía.

Non faltaron mercadores espelidos, como aqueles que fixeron un tramo da ruta oficial, aproveitando a protección ata Villafranca, onde se facían os distraídos, marchando cara a outras zonas, escapando así do control oficial.

Outra ruta era a dos nobres (Porriño-Ourense-Madrid), sen ter en conta que ao chegar a Madrid, serían controlados igualmente pola Facenda Real, precisamente foi o caso do famoso José Sarmiento de Valladares que quedouse en Vigo, na do seu irmán, o Marqués de Valladares. Mandou aos seus criados nun comboi a Madrid, aos que pillaron na porta de Segovia. En fin, unha descarga ben feita na que apenas tardaron vinte días en levar toda a Facenda Real ao Alcázar.

A casualidade fixo que o inimigo, cando de retirada e reagrupáronse fronte ao cabo San Vicente, tivera a primeira nova da Frota de Indias refuxiada na Ría

Nun consello de Guerra tenso, o Almirante Sir George Rooke cede as presións do holandés Duque de Ortmund que, para compensar en parte o desastre de Cádiz, decide entrar en Vigo perseguindo a Frota da Prata.

Mandaron por diante fragatas pequenas para outear a zona, vendo que dende Cíes parecía que a Ría remataba no estreito, unha delas intérnase na Ría de Pontevedra e captura un barco pesqueiro para quitarlle a roupa e facelos prisioneiros.

Os ingleses agora vestidos de pescadores entran na Ría de Vigo e chegando ata Rande, anotan todos os movementos. O groso das forzas inimigas terminan de pasar na noite do 21 ao 22 de outubro, desembarca en Ríos sen ningunha oposición no chamado “porto” en Teis, e acceden ao Castelo de Rande polas costas.

Aquelas baterías provisionais foron moi facies de abater para este exército profesional que loitaba contra aficionados das levas forzosas. Tomando o dominio das baterías, viran os canóns contra os barcos españois e franceses, o primeiro foi o “Esperance” que queda destrozado xusto debaixo do Castelo de Rande. Logo intentan romper a estacada de cadeas, pero sen vento, os barcos non se movían.

A Batalla de Rande resolveuse en pouco máis de 10 horas cunha victoria aplastante da frota anglo holandesa e a decision por parte de franceses e españois de queimar e afundir os seus barcos para evitar que caisen nas mans do inimigo

O mediodía do 23 de outubro levantouse unha brisa mareira que comeza a empurrar os barcos cara a estacada, serían os ingleses co Torbai os primeiros en rompela. Os holandeses polo norte, quedaran atascados, baixando a romper a estacada con hachas e machetas, un atraso que os ingleses, sendo os primeiros en entrar, interpretaron aposta.

Comeza unha batalla pequena pero moi sanguenta, con moitos feridos e barcos a deriva que non tiñan espazo. A media lúa formada polos barcos franceses non valeu para nada, sendo prendidos a maioría dos barcos, unha superioridade palpable, que segundo os testigos, cando atacaban un barco tiña tantos buracos que non facía falta luz no interior.

En 10 horas a batalla xa estaba decidida, os franceses non puideron defenderse moito e finalmente, ante tal impotencia, Chateaux Renault deu a orde de queimar as naves e afundir os barcos.

BATALLA DE RANDE
Cadro “Battle of Vigo” de Ludolf Backhuysen.

O 24 de outubro antes de comer a batalla acabara, menos de vintecatro horas cunha incógnita sen resolver a día de hoxe: a cuestión dos mortos. Na maioría da historiografía, preferentemente española, se fala de 800 mortos anglo holandeses e 2000 españois. Se os mariñeiros e soldados oficiais en rexemento estiveran mortos, as súas familias terían sido indemnizadas cunha paga, unha paga que ninguén cobrou.

Ademais os únicos enterramentos referenciados nas parroquias e contorna son de xente que fuxía do inimigo aos que lles pegaron un tiro, e de haber 2000 mortos coas conseguintes indemnizacións, habería fosas para estes cadáveres, pero non hai nada parecido, nin en San Simón.

Polo tanto, hoxe sabemos que moitos mortos non houbo pero sí moitos feridos, xa que estas frotas ían moi equipadas para atendelos, concretamente a frota anglo holandesa levaba 4 barcos hospitais.

Tamén houbo prisioneiros aos que retiñan uns días para logo quedarse só cos oficiais para posíbeis rescates, como o caso de Fernando Chacón que viña na Capitánia de Azores, liberando os demais prisioneiros aforrando así a súa manutención.

Antes de marchar, a frota anglo holandesa saquea Redondela e San Simón e cando abandonaba a Ría de Vigo un dos galeóns afunde na zona de Cíes cargado de tesouros  

O 30 de outubro, o almirante inglés Sir George Rooke daba a orde de retirada e dende Fisterra entraba na Ría a frota de Clodesley Showel, para reparar barcos capturados e arrapañar todo o que puidera.

Marchan un 6 de novembro, non sen antes saquear Redondela e a Illa de San Simón. Levan varios galeóns cargados de mercancías, entre eles a presa do Mon Mouth, o galeón afundido na zona de Cíes, convertido en lenda, ata 1956 pensábase que era o “Santo Cristo de Maracaibo”, unha confusión apoiada polas declaracións de Potter, quen ademais en 2014 publica o libro “On the track of the Mon Mouth’s Galeon and sinken treasure” (“trala pista do Galeón e os tesouros afundidos”) que na tradución ao Galego titula “Trala búsqueda do Santo Cristo” o que non axudou nada.

Grazas as pesquisas de Juan Cuerda para o seu libro sobre Rande, quen encontra un listado de barcos afundidos en Rande nun documento do Arquivo de Simancas do ano 1704, cando aínda eran visibles as agullas dos galeóns afundidos na Enseada, como a graña da “Capitana”, “Almiranta”, “Sta Cruz”, “Nuestra Señora del Rosario” e do “Santo Cristo de Maracaibo”, cita textualmente que quitan mercancía deste barco na Portela.

Máis tarde, na celebración do 5º Centenario entrevistan a Potter quen sobre o Santo Cristo de Maracaibo nas Cíes recoñece que fora unha cuestión de preferencias e gusto e, pola súa parte Stenuit aclara que Potter fixera esa elección por eliminación. Hoxe é máis que probable que o galeón “Nuestra Señora dos Remedios y Francisco Javier” sexa o barco perdido á altura de Cíes.

O inimigo antes de marchar deu orde aos seus homes de arrapañar todo para eles como premio, dando como resultado o asalto das Igrexas en Redondela e da contorna.

Pero unha vez de regreso, precisamente o confiscado sería a rapiña dos soldados, o que deu lugar a numerosas anécdotas de reclamacións ante as Cortes Inglesas de moitos mariñeiros reclamando o seu.

Os ingleses déronlle máis propaganda que outra cousa á Batalla de Vigo, que así chamaron, facendo moedas, a rúa “Vigo street”, celebrándoa con fogos de artificio, Te Deum, etc. Sen embargo e curiosamente, nos documentos da casa da moeda inglesa que dirixía Isaac Newton, precisamente constatan que as descargas son pobres.

BATALLA DE RANDE
Moneda a nome da Raíña Ana co topónimo Vigo baixo o busto. Fonte: wikipedia.
BATALLA DE RANDE
Medallas conmemorativas emitidas no ano 1702 con motivo da Batalla de Rande depositadas no The Metropolitan Museum of Art. Fonte: wikipedia.

Tamén a prensa fíxose eco desta propaganda de Guerra publicando que a apertura dos galeóns non fora sinónimo de riqueza, unha propaganda para unha guerra longa e tediosa, que continuou ate 1713.

O fin da Guerra de Sucesión veu provocada polo enorme desgaste das nacións en guerra que sumado aos cambios producidos no escenario político internacional, levará a firma de diversos tratados de paz, sendo o de Utrecht, o de maior transcendencia: Felipe V é confirmado no trono a cambio de perder a maior parte dos territorios en Europa e América, con algunhas concesións comerciais en ultramar. Pérdense, entre outros Menorca e Xibraltar en favor de Inglaterra, a gran beneficiada desta guerra, poñendo os alicerces do que será o imperio colonial británico.

Confiando na defensa da Ensenada de San Simón por parte da frota franco española, Cangas enviara os tesouros da súa Colexiata á igrexa de Redondela para evitar o seu saqueo

En Cangas, aínda non olvidaran o acontecido cos turcos. Coñecían ben da rapiña que seguía a este tipo de incursións e, ante a noticia do inminente ataque, decidiron con toda urxencia poñer ben gardados os tesouros da entón Colexiata de Cangas, na igrexa da vila de Redondela, pensando que a frota franco española acurralada na Enseada podería protexer os seus tesouros, entre eles a súa lámpada votiva.

Outras vilas como Bouzas e San Hadrián de Cobres entre outras situadas na ribeira da Ría de Vigo tomarían a mesma lamentable decisión, levando os seus bens litúrxicos mais preciados a Redondela. Un lugar que, paradóxicamente, unha vez rematada a batalla, sería a primeira vila e a que con mais forza atacaría a frota inimiga. A  lámpada votiva estaba entre os bens trasladados dende Cangas ao fondo da Ría, onde desafortunadamente foi roubada.

Unha vez coñecida a derrota das tropas hispano francesas, dende Cangas deciden ir a toda presa a Redondela para rescatar os seus bens parroquiais que crían aínda a salvo. Polo camiño dende os altos que rodean a Vila puideron ver como Redondela e contorna ardían polas esquinas, e os cofrades sen tan sequera baixar, voltaron resignados para casa.

A historia da búsqueda do tesouro en Rande comezou, como se pode comprobar, xusto ao rematar a Batalla, convertendo a Ría de Vigo no máis importante campo de experimentación de novos métodos de inmersión e rescate do mundo. Unha das campañas de maior relevancia sería a do francés Hippolyte Magen, utilizando os primeiros equipos de mergullo autónomo, os Rouquayrol-Denayrouze, ou as novidades do seu colaborador Ernest Bazin, como a lámpada eléctrica submarina tomando as primeiras imaxes do fondo da enseada.

Destes inventos tomou boa nota o escritor Jules Verne e lanzou á literatura universal o mito do tesouro de Rande, coa novela de aventuras “20.000 leguas de viaxe submarina” (1870) sendo o Capitán Nemo o único capaz de encontrar o tesouro para continuar as súas aventuras, quen sabe se non se encontraría coa lámpada.

Agora, é o ano de 1723 o que aparece na lámpada votiva da Excolexiata de Cangas, que foi cando Don Juan Ignacio de la Vega e Soutomaior, coñecedor dos avatares da Batalla,  ordenou facer e enviar unha réplica da mesma, a que xa enviará no seu momento, a súa ben querida terra natal.

BATALLA DE RANDE
Réplica da lámpada votiva que atopamos actualmente na Ex-colexiata de Cangas.
Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.