A ASOCIACIÓN RECREATIVA E CULTURAL SUESTE 

Texto elaborado por Celso Coloret Portela. Secretario de Sueste.

Dende o ano 1993, data na que se celebra o primeiro Encontro Galego de Embarcacións Tradicionais, agroma por toda a costa Galega un movemento comprometido con evitar a perda definitiva dun rico e interesante patrimonio, que ten que ver coa vida do mar e a cultura marítima e fluvial, centrado nas embarcacións tradicionais e en todos aqueles elementos que están relacionados con este: carpintería de ribeira, o saber facer do oficio de carpinteiro e a arte de construír embarcacións en madeira, todo o relativo á cultura pesqueira e vínculo da xente co mundo mariñeiro.

Galiza posuía, e posúe, unha rica mostra de patrimonio material e inmaterial ligado á pesca e á cultura do mar, patrimonio que desaparecía a marcha acelerada cunha poboación cada vez menos consciente do mesmo, do seu valor e da relación de identidade que mantén con este.

Na percepción da existencia deste patrimonio ten un papel crítico a figura de Staffan Mörling, vido a Galiza na década dos anos 60, recentemente falecido e que percorreu toda a costa galega, estudando a tipoloxía e usos das embarcacións tradicionais, xusto no momento que comezaban a abandonarse.

Foi o seu traballo un dos alicerces sobre os que se ten desenvolvido unha extensa labor de recuperación e posta en valor deste patrimonio. Incluso é máis, foi Mörling quen facilitou a localización da última lancha xeiteira, na desembocadura do río Xallas, no Ézaro (a Marina, hoxe visíbel no Museo Massó de Bueu), que deu lugar ao proxecto de construción da lancha xeiteira Nova Marina, na escola Aixola en Marín.

Froito deste movemento aparece en Moaña un pequeno grupo de persoas no ano 2003, que viñan participando de xeito individual nas regatas de dornas, que se agrupan e deciden crear unha asociación que trate de manter e recuperar o mundo das embarcacións tradicionais e o patrimonio marítimo en xeral, a Asociación Sueste.

Comeza así a singradura desta Entidade con 17 anos de vida, e cunha extensa acta de actividades de recuperación, rehabilitación, visualización e posta en valor do patrimonio marítimo en Moaña.

A xuntanza anual de embarcacións tradicionais de Moaña busca visualizar ao vivo o patrimonio marítimo galego

A modo de síntese glosamos catro eixos de traballo que recollen o labor de Sueste ao longo destes anos:

O primeiro eixo do noso labor sería a organización da Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña, dende 2003 ata 2019, XVI Edicións, que convoca en Moaña durante o segundo sábado do mes de agosto, as embarcacións tradicionais, sobre todo da ría de Vigo e ría de Pontevedra.

A Xuntanza de Moaña pretende a visualización ao vivo deste patrimonio, ao tempo que promociona “unha nova vida para os vellos barcos”, mostrando a potencialidade destes para a navegación de recreo, ao mesmo tempo unha mostra do estado de conservación e un lugar de encontro para as persoas e entidades comprometidas con este labor.

Ao longo dos anos a Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña, tense dotado dunha estrutura de actividade estábel, onde o día da Xuntanza está precedida dunha semana de actividades, onde hai lugar para as conferencias, a presentación de libros especializados, novelas e obras poéticas, concertos e exposicións de fotografías.

Debe aquí recoñecerse o intenso compromiso do Concello de Moaña, que ten desenvolvido ao longo dos anos unha programación de actos, actividades e oferta gastronómica, entre outros, arredor deste evento, que a día de hoxe, e dende o ano 2015, cristaliza arredor do Programa Días de Mar.

O segundo aspecto sobre o que pivota o traballo de Sueste sería a recuperación, rehabilitación e construción de embarcacións, actividade que é o piar da Entidade e que ten o seu máximo expoñente na recuperación do galeón Eliseo.

No ano 2005 Sueste aposta pola adquisición do galeón de ría Eliseo, nave botada ao mar en 1908, a través dunha forte ampliación da Asociación e acometendo un esforzo económico intenso, realízase a compra do mesmo e comezan os traballos de rehabilitación da nave, volvéndoa ao seu estado orixinal, completándose no 2009, ano no que amarra en Moaña e en 2010, cando se lle instala a armadura de velas.

Na actualidade o Eliseo atópase con traballo de rehabilitación no Estaleiro de Garrido no Grove, con finalización prevista para o mes de setembro de 2020. Ademais do galeón de ría, Sueste ten recuperado embarcacións como o bote de ría, e realiza traballos de recuperación e rehabilitación de embarcacións menores.

En terceiro lugar, Sueste traballa por lograr o achegamento deste patrimonio á mocidade, coa realización de actividades nas que a xente moza pode participar en labores de rehabilitación e/ou construción de embarcacións tradicionais, participar en actividades de navegación tradicional e coñecer de xeito tanxíbel esta realidade.

Campamentos de verán, campamentos urbanos, actividades de navegación para os máis novos, son varias das experiencias desenvolvidas, contando co financiamento e a colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e o Concello de Moaña.

O último aspecto fundamental para Sueste e a protección das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Carlagho en Moaña, ameazadas pola construción dun paseo marítimo, que pretendía o derrubamento parcial, eliminar o seu acceso ao mar e facer desaparecer parte dos seus elementos singulares.

Comeza unha loita épica de dar a coñecer o que son as carpinterías, cales son os elementos característicos, cal a súa vocación e a súa vinculación á lámina de auga e porque deben de manterse, recuperarse e rehabilitarse, cal a relación desta industria co noso pasado máis recente e a súa vinculación coa nosa realidade.

Este labor ten o seu froito cando no ano 2015 se presenta en Patrimonio de Galicia o expediente de protección patrimonial das carpinterías, por parte de Sueste, dado que a Lei de Patrimonio de Galicia, recollía literalmente as carpinterías de ribeira e as artes de carpintería como elementos esencias a conservar.

No momento en que se publica no DOG o inicio do expediente de protección, acométese por parte duns desalmados un acto terríbel. En xuño de 2017 préndenlle lume á carpintería de Casqueiro, reducindo a mesma a cinzas e afectando gravemente a de Carlagho, perpetrando un atentado contra un ben patrimonial en proceso de protección, dando a ver a faciana máis triste e escura da ignorancia e a falla de recoñecemento dos valores que constitúen unha mostra da nosa identidade.

No ano 2019 recae a resolución definitiva do expediente de protección patrimonial, declarando o conxunto das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Carlagho como bens protexidos.

A día de hoxe existe un proxecto de rehabilitación para as carpinterías e de acondicionamento do seu entorno urbano, en proceso de tramitación coas administracións responsables.

A XV Edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia ía celebrarse en Moaña no 2021 pero finalmente suspendeuse pola mala evolución da pandemia da Covid 19

Este importante evento ía celebrararse en Moaña en 2021, actuando Sueste como entidade promotora baixo a organización e dirección de Culturmar e contando coa colaboración do Concello de Moaña. As datas previstas eran do 5 ao 8 de agosto pero a mala evolución dos datos dos contaxios por Covid 19 provocaron que se cancelase o evento poucos días antes.

Os amantes da cultura mariñeira quedaron coas gañas de contemplar a toda a flota galega de embarcacións tradicionais e de participar na ampla oferta de actividades relativas ao patrimonio marítimo e fluvial galego, un museo ao vivo no que se terían mostrado esta rica e diversa parte da nosa identidade.

Celso Coloret Portela
+ artigos

Secretario da Asociación Cultural e Recreativa Sueste

4 comentarios

  1. Sueste estará presente no XVI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia en Sada » A Illa dos Ratos

    […] elaborado por Celso Coloret, membro da xunta directiva da A.C.R Sueste de […]

  2. Máis rutas guiadas para 2021 » A Illa dos Ratos

    […] que se celebrará en Moaña e que organizarán Culturmar, a Asociación Cultural e Recreativa Sueste xunto co Concello de Moaña e outros colectivos da […]

  3. Volven as rutas guiadas ¡¡¡ » A Illa dos Ratos

    […] de Galicia que se celebrará en Moaña e que organiza a Asociación Cultural e Recreativa Sueste xunto co Concello de Moaña e outros colectivos da […]

  4. Lito

    Impagable traballo

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.