O SINDICATO DO MAR NOS INICIOS DO SÉCULO XX EN CANGAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio da Asociación A Illa dos Ratos, a partir da información recollida no libro “A alianza mariñeira de Cangas 1914-1936 no centenario da súa fundación” e supervisado por un dos seus autores, Iago Santos Castroviejo, a quen queremos agradecer a súa colaboración. Fotografías cedidas polo arquivo da A.C A Cepa.
A finais do século XIX, comezaron a xurdir no Morrazo unha serie de movementos sociais que demandaban unha mellora nos dereitos dos traballadores. Estes movementos serían a orixe dos chamados “sindicatos do mar”, formados na súa maioría polos mariñeiros das diferentes vilas da comarca e nos que tamén participarían persoas dun corte máis político.
Algunhas das agrupacións que xurdiron na nosa contorna foron a “Alianza Mariñeira de Moaña” (posteriormente tamén a Solidariedade Mariñeira e a Fraternidade Mariñeira), “A Reivindicadora” (o primeiro sindicato feminino de Cangas, que demandaba unhas bases de traballo para as atadeiras e as empregadas das conserveiras) e sobre todo, a “Alianza Mariñeira de Cangas”. Uns anos antes constituírase a Alianza Mariñeira de Marín.
A Alianza Mariñeira de Cangas xurdiu como resposta aos abusos e irregularidades que viñan soportando os mariñeiros por parte dos armadores e chegou a ter máis de 1.500 socios
En agosto de 1914, nun contexto histórico no que se estaba a expandir a frota de motoras e vapores, nacía en Cangas “A Alianza Mariñeira”, un sindicato de traballadores do mar especialmente orientado a negociar a organización do traballo e defender os intereses laborais dos mariñeiros.
Esta nova organización, que inicialmente quedaba vinculada a UXT, collía o relevo de anteriores experiencias de acción colectiva por parte dos mariñeiros da ribeira de Cangas, algúns deles retornados á vila logo de verse obrigados a emigrar temporalmente na busca de traballo.
A estratexia inicial dos promotores da Alianza foi dirixirse aos mariñeiros máis experimentados, xa que contaban cunha gran influencia sobre a comunidade de pescadores da vila, e integrar a persoas dun perfil máis político e decidido, con ideas de corte socialista e democrático, o que supuxo un impulso importante a nivel social.
A vila vivía nun contexto no que a frota de motoras e vapores que andaban á sardiña estaba en expansión, revolucionando toda a organización do traballo
A causa principal da creación da Alianza, foron os cambios na organización do traballo provocados pola chegada dos vapores e as motoras á pesca: gran cantidade de irregularidades e abusos nas contratacións, nas condicións de traballo e nos roles que debían asumir a bordo os mariñeiros, como por exemplo ter que carrexar o carbón para as caldeiras de vapor.
Na busca de solucións a estes problemas, as principais metas que se marcou inicialmente o sindicato foron:
- Negociar e establecer unhas bases de traballo ou convenio colectivo.
- Facilitar a participación dos mariñeiros tripulantes das motoras e vapores da pesca na organización do traballo a bordo e en terra.
- Que os mariñeiros puidesen negociar a distribución do produto e os pagos salariais que lles correspondían.
A necesidade de que estas demandas fosen atendidas fixo crecer as afiliacións, e na súa mellor etapa a Alianza chegou a ter máis de 1.500 socios. Con tantas persoas implicadas, para que a actividade sindical fose produtiva, os impulsores do sindicato trataron de canalizar de forma coordinada a acción colectiva, concentrando o poder nun pequeno número de persoas que marcaran claramente o camiño a seguir. Noutras palabras, buscábase agrupar a todos os traballadores das motoras e que seguisen a pauta que conviña para os intereses do colectivo.
A Alianza Mariñeira contou con integrantes moi destacados no ámbito sindical e político na Cangas de principios do século XX
Precisamente para liderar este movemento, foron varios os homes valentes que se puxeron á fronte deste sindicato tan relevante na historia local da vila de Cangas. Aínda que todos eles merecerían que lles dedicásemos unhas liñas, nos imos a resaltar sobre todos eles a dúas figuras: Manuel Nores Sotelo “Taratola” e Lorenzo Corbacho Rodal.
Manuel Nores Sotelo “Taratola” (1879-1943), está considerado como o dirixente social e político máis importante da primeira metade do século XX en Cangas
Manuel Nores Sotelo foi unha figura moi relevante na vida política e sindical da vila de Cangas do primeira metade do século XX, e era coñecido como “Taratola” porque de pequeno pronunciaba todo coa letra “t” e un día estaba xogando cuns caracois e cando lle preguntaron que facía, contestou que “togando tos taratoles”.
Deixando á marxe esta curiosa anécdota que nos achega a orixe do seu alcume, o certo é que a vida de Taratola non foi nada sinxela. Dende neno, como moitos outros, tivo que ser mariñeiro de oficio á forza. Co paso dos anos continuou traballando no mar e participando dalgunha traíña e cando a pesca de sardiña entrou en crise, emigrou durante catro anos a Bos Aires, onde entrou en contacto coas bases do movemento obreiro e sindical.
A súa volta foi un dos impulsores e posteriormente presidente da Alianza Mariñeira de Cangas, o que lle reportou como “premio” ter que sufrir o boicot dos armadores de Cangas á hora de traballar.
Participaba das mobilizacións que se facían na vila e nunha ocasión foi detido “por coacción a un patrón que non respectaba unha folga”, no que a ollos dos sindicalistas non era máis que unha acción arbitraria do caciquismo local.
Sempre que a saúde llo permitía, era dos que estaba en primeira liña. A modo de exemplo, podemos lembrar a súa participación nos actos que se celebraron en Cangas ao día seguinte da proclamación da Segunda República. Organizouse unha manifestación que partiu ás 12 h da Casa do Pobo, sede da Alianza Mariñeira cuxa construción fora promovida anos antes precisamente por el. Taratola foi o encargado de portar a bandeira da agrupación sindicalista durante o percorrido e cando a comitiva chegou a antiga casa do Concello, na Rúa Real, colocouna ao carón da republicana e dirixiu unhas palabras aos asistentes dende o balcón antes de que ás 16 h tomase a palabra o gobernador civil da República, que viña para constituír a nova corporación do Concello integrada polos concelleiros de esquerdas.
Lorenzo Corbacho Rodal (1891-1936) foi un férreo defensor dos dereitos dos traballadores e loitou activamente polos valores dos movementos obreiros e sindicais das vilas do Morrazo
Lorenzo Corbacho, fillo do canteiro de Xeve Lorenzo Corbacho Fontán, foi instruído dende moi novo nos valores do movemento obreiro e sindical. Contaba cun longo historial de compromiso incluso político no sindicalismo do Morrazo, sendo o primeiro presidente da Alianza Mariñeira de Cangas e xogando un papel moi relevante na fundación das agrupacións socialistas de Cangas e Moaña en 1923.
Era moi coñecido e valorado polos compañeiros, tanto pola súa iniciativa como por participar activamente nas mobilizacións e folgas que se organizaban. Por isto cando o clima político se tornou propicio, a Alianza pensou nel como candidato ideal para presentase as eleccións ao Concello no 1920.
Sabedores de que Lorenzo Corbacho tiña moitas posibilidades de ser elixido alcalde, o bando caciquil puxo a traballar a súa maquinaria e logrou inhabilitalo cuns expedientes xudiciais máis ca dubidosos.
A pesar disto as eleccións resultarían moi disputadas. Logo do reconto e a transformación dos votos en concelleiros, a votación de investidura rematou cun empate. Tívose que facer un sorteo para ver que candidato ocuparía a alcaldía e finalmente o azar fixo xustiza saíndo elixido como alcalde Jose Pereira Lage, o candidato que presentara a Alianza.
Hai unha anécdota moi boa que paga a pena contar e que ilustra moi ben o carácter reivindicativo de Lorenzo Corbacho. Cando o 14 de abril do 1931 se proclamou a Segunda República, Corbacho foi un dos encargados, xunto a Francisco Eiroa Graña, de traer a Cangas, a bordo do barco de pasaxe, a bandeira republicana dende Vigo.
Cando chegou a Cangas, como canteiro de oficio que era, foi a súa casa a coller as ferramentas e dirixiuse á Rúa Real para picar a coroa monárquica que tiña o escudo da fonte do Cabalo, obra do mestre Cerviño.
A súa vida remataría de maneira tráxica, asasinado tras o golpe do 36. A modo de homenaxe, dende a chegada da democracia, a Casa de Oficios municipal situada na Pedra Alta, onde se imparten cursos e obradoiros formativos, leva o seu nome.
O ascenso político da Alianza Mariñeira e a derrota do caciquismo
O sistema político español de finais do século XIX, sustentábase nunha alianza básica entre os partidos conservador e liberal para o control da administración pública, mediante arranxos parciais coas elites locais nos concellos (o chamado caciquismo).
Era un contexto onde a pesar de que dende 1890 retornara o sufraxio universal, este era só masculino e as mulleres non podían votar aínda. Ademais as elites locais eran sobre todo as “propietarias”, e dicir, xente con propiedades e cartos que en alianza cos poderes eclesiástico, militar e político, conseguían situar aos seus adeptos nos concellos.
Todo valía con tal de lograr a vitoria, incluso aproveitarse do que establecía a lei electoral do 8/8/1907, vixente ata a Segunda República, que proclamaba no seu artigo 29 que “en caso de presentárense tantos candidatos como postos vacantes, poderanse proclamar os candidatos sen necesidade de eleccións“.
Coñecedores desta circunstancia, os caciques non dubidaban en coaccionar ou en chegar a pactos cos posibles candidatos para que as eleccións non tiveran lugar e saíran elixidos directamente os seus adeptos.
Tamén existían fortes limitacións a nivel local para que outros candidatos puidesen simplemente presentarse. Un exemplo disto ocorreu en 1917 cando non se admitiron os candidatos da Alianza Mariñeira porque segundo a Xunta Electoral “para poder ser candidato unha persoa ten que ser concelleiro, ex concelleiro ou ser presentado por dous concelleiros ou ex concelleiros ou facerse unha votación previa”.
Antes da creación da Alianza a sociedade ficaba resignada ante este tipo de prácticas, pero grazas as mobilizacións sindicais as cousas foron mudando progresivamente e o ambiente de crispación social acabou provocando que fose complicando que se mantivesen vixentes eses arranxos entre oligarquías e caciquismo.
Como xa comentamos cando falabamos de Lorenzo Corbacho, finalmente a Alianza Mariñeira foi superando progresivamente as artimañas empregadas polo bando caciquil, e acabaría levando ao movemento obreiro a gobernar en tres concellos do Morrazo (Cangas, Moaña e Marín).
A sublevación militar do 36 fixo desaparecer todo tipo de movementos sociais e perseguiu aos seus impulsores
O triunfo do golpe militar do 36 supuxo a eliminación de moitos dos dereitos e liberdades que existían na Segunda República. O novo estado ditatorial, centralista, católico e militarista, favorecía as demandas das oligarquías e outorgaba de novo o poder aos caciques.
Moitos dos integrantes dos movementos sociais foron sometidos aos chamados “Consellos de guerra” e sentenciados a pena de morte ou a cadea perpetua. Foi o caso do propio Lorenzo Corbacho que foi detido, sentenciado e executado, xunto a varios membros da xestora municipal como o alcalde Agustín Jorge Echeverri, en Pontevedra o 24 de setembro de 1936 cando contaba con 45 anos de idade.
Outros simplemente acababan sendo “paseados” por grupos de falanxistas e gardas civís que polas noites se dedicaban a escoller presos nós cárceres, co pretexto de levalos a declarar, e logo matábanos polo camiño.
As instalacións das sociedades obreiras foron incautadas e saqueadas sen contemplacións. No caso da Alianza Mariñeira de Cangas, o inmoble foi confiscado polas autoridades franquistas e os libros da súa biblioteca queimados en pira pública.
Sen dúbida un triste final no que moitas persoas valentes e valiosas quedaron no camiño e os traballadores nas mans dos patróns.
Se queredes coñecer máis detalles da historia da Alianza Mariñeira de Cangas, podedes consultar o libro que publicou a Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas con motivo do centenario da súa fundación.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta