A HISTORIA DO LUGAR DE AS CORTES – PUNXEIRO
Texto elaborado por Benito Vilas Estévez, socio da empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega que foi a encargada da escavación e posta en valor da aldea de Punxeiro.
O proxecto “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo” buscaba recuperar e poñer en valor gran parte dos recursos arqueolóxicos que atopamos na subida ao Monte do Facho
Dentro do proxecto “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo” promovido polo Concello de Cangas no ano 2018, puxéronse en valor os distintos petróglifos do Monte do Facho, o seu valor natural, a aldea de Punxeiro e outras estruturas descoñecidas ata a data.
O que ofrecemos aquí é un resumo da actuación que se realizou para a recuperación do lugar catalogado pola xente da zona como As Cortes (por ter sido reutilizada como cortellos en época recente), ou Punxeiro.
Sabemos que a aldea de Punxeiro estivo habitada ata o século XVIII pero non hai certeza sobre desde cando
A súa historia non está moi investigada, e non hai un punto exacto para a súa orixe (se ben sabemos polos restos materiais e a documentación que temos que xa no século XVI estivo habitada, e certas evidencias apuntan a que tamén sería anterior a este século), mais sábese que estivo habitada ata o século XVIII, momento no que se abandona pola falta de auga, “cando se seca o río” segundo a documentación.
Este momento coincide no tempo coa aparición do actual núcleo de Donón, polo que podería interpretarse que unha aldea nace cando se abandona a outra. Na memoria dos habitantes de Donón aínda está viva a idea de que Punxeiro foi o primeiro e orixinal emprazamento da aldea, o lugar onde naceu o núcleo actual (a xente da zona refírese a que Donón naceu en Punxeiro).
O que si é moi importante indicar, é que durante estes traballos só se recuperou a parte de aldea que está na ladeira da subida ó Monte do Facho, xa que a aldea de Punxeiro estaba dividida en 2 metades, das cales a outra metade estaría en dirección a Punta Couso, na zona do Rapunxeiro, onde aínda son visibles algunhas vivendas, se ben están totalmente abandonadas.
Antes dos inicios de recuperación e posta en valor deste lugar, a aldea pasaba totalmente desapercibida e a xente nin tan sequera era consciente de que alí estaba, e incluso xentes do lugar a lembraban.
De feito, nin nós mesmos eramos conscientes nin sabiamos a cantidade de estruturas que podiamos localizar debido a intensa vexetación, pero conforme avanzábamos nos traballos as estruturas ían emerxendo.
Unha vez finalizadas as labores de roza e limpeza das estruturas murarias, puidemos comprobar que contábamos cun total de oito espazos diferenciados
Había un total de oito estruturas, con lenzos de parede de diferentes alturas e graos de conservación, así como un pequeno espazo entre dúas das construcións, parcialmente pechado con un pequeno muro (o situado entre as estruturas 3 e 4).
Desafortundamente, coa información da que dispoñemos a día de hoxe é imposible saber se as construcións se corresponden con vivendas ou con espazos accesorios a elas (cortes, alpendres…), polo que non podemos desbotar que houbese máis estruturas e que teñan desaparecido completamente. O que si puidemos documentar foi o reemprego de diversos elementos procedentes doutros lugares para as construcións das edificacións, como por exemplo esta roda de muíño reempregada e que se deixou alí para que a xente poida admirala.
A maiores, dentro do proxecto, tamén puidemos recuperar unha das lendas que quedara practicamente esquecida deste lugar, e que afecta a aldea de Punxeiro: a lenda do “Carballo dos Namorados” e “Cova dos Namorados” onde os amores de Punxeiro se reunían.
Conta a tradición oral que este era o punto de encontro para os namorados das aldeas de Donón e Vilanova, dous puntos hoxe en día bastante separados nas comunicacións por estrada, pero que antigamente estaban moi próximos polo monte, polo que eran moi habituais os casamentos entre habitantes dos dous lugares (polo que popularmente recibe o nome de “amores de Punxeiro”).
Fronte o carballo, xusto da outra beira do camiño, hai unha pequena estrutura coñecida como “a Cova”, que segundo a tradición oral era o lugar onde se producían os encontros amorosos dos namorados que quedaban xunto ó carballo. A tradición di que a cova foi tapiada precisamente para evitar eses encontros, que serían desviados ó entorno do propio carballo.
Benito Vilas Estévez
Membro de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega
Deixa a túa resposta