A GRAN FESTA DA MÚSICA TRADICIONAL: LUME VILARIÑO ¡¡¡
Texto elaborado por Susana Costas Pena, membro da A.C O Gato de Vilariño.
A Asociación Cultural o Gato comeza oficialmente a súa andadura no ano 1999, cando se formaliza a constitución deste colectivo para dar continuidade á actividade que comezaran os mozos e mozas da aldea para festexar o patrón de Vilariño, o santo da capela, San Bartolomé.
O Ghato de Vilariño, aquel felino que inspirou a canción de Manuel da Ponte, aquel que ía á casa da Lontreira, para durmir quente no berce do noso Chema; aquel que foi metido no saco; aquel que foi sacado de Vilariño e conseguiu voltar, aquel que deu tanto xogo nas noites da taberna, foi ese o que deu nome á asociación.
A A.C O Gato ademais de organizar a Festa Folc de Vilariño, tamén organiza durante todo o ano unha serie de actividades para @s veciñ@s da aldea
Pese a ter como propósito central a organización do día da Festa, durante o ano desenvólvense diferentes actividades para os veciños e veciñas da aldea, que foron cambiando ao longo dos anos: clases de poda, clases de costura e calceta, clases de pandeireta, clases de gaita, de requinta…
Como complemento e como parte da programación, a asociación organizou diferentes tipos de actividades ao longo destes anos: partidos de fútbol, campionatos de petanca e de tiro á chave, obras de teatro, monicreques e proxeccións tanto para grandes como para pequen@s, combates poéticos, entroidos, exposición fotográficas de instantáneas antigas e dos hórreos de Vilariño, certames de contos, competición de cifras e letras contra Fer, obradoiros de pandeiros, concursos e degustacións gastronómicas, homenaxes a gaiteiros senlleiros, eventos durante os maios ou San Xoán, a tradicional travesía de Aninovo… non houbo iniciativa que fora proposta que non se intentase desenvolver para o gozo de todas e todos.
O nexo común das propostas sempre é o gozo da nosa música, da nosa lingua, da nosa tradición e, en definitiva da nosa cultura
Xorde así a Semana Cultural, como antesala da Festa Folc de Vilariño, que nas últimas edicións consolida o encontro pandereteiro ou o Rock no Hío. Tamén se organiza a “Mostra de instrumentos de música tradicional” que se celebra o propio día da Festa Folc de Vilariño, e que este ano vai pola súa 8ª edición.
E non podemos olvidarnos dos “logobechos”, unha idea que naceu con intención de dar a coñecer especies significativas, e en ocasión esquecidas, da zona, para o que nas últimas edición se conta coa colaboración de Luís Davila.
Tras 21 anos organizando a Festa Folc de Vilariño, os membros da A.C O Gato saben que estes eventos dan para moito a tódolos niveis, entre eles o musical
Grupos e artistas de diferentes procedencias como: Ruxe Ruxe, Susana Seivane, Korrontzi, Luar na Lubre, Che Sudaka, Treixadura, Xosé Manuel Budiño, O Sonoro Maxín, Os Carunchos, Berrogüeto, Uxu Kalhus, Kepa Junkera, Compañía do Ruído, Cé Orquesta Pantasma, O Leo, Impulsos Criminais… e unha longa lista de artistas que fixeron vibrar a praia de Vilariño ao longo de todos estes anos.
As edicións que levamos ata o de agora foron posibles gracias a vos, os que estades do outro lado, pero sobre todo a todas esas persoas voluntarias, que están dispostas a poñer todo da súa parte para que todo saia adiante e para dar soporte á Festa Folc de Vilariño.
Nesta XXI edición da Festa Folc de Vilariño, aínda que o formato se simplifica, as ganas son se cabe maiores que nunca
Despois de 2 anos nos que a nosa vida se paralizou e mudou, despois de tantas despedidas (e tamén benvidas), volta o escenario á praia, volta a música, volta a treboada, volta a alegría, voltamos nos, voltades vos, volta a Festa Folc de Vilariño.
O xoves 18, homenaxearemos ao “O Ghaiteiriño” na Noite Lumieira onde grupos como Lumieiras do Morrazo, Tromentelo, Retrouso de Cela e Os Chaneiros porán todo da súa parte para facernos gozar e bailar.
O sábado 20, xa pola mañá, a treboada de Ameaça de Bombo percorrerá as rúas da aldea. Terá lugar a “Mostra de instrumentos tradicionais”, a Muiñeira de Vilariño e moito máis. E xa pola noite, a troula continúa cun cartaz 100% da terra: Mediarea, Os d’abaixo, La Quinkillada.
Queremos agradecer a Susana a súa implicación na elaboración deste artigo. Agardamos que a Festa Folc de Vilariño sexa un éxito tan grande como o recoñecemento que se merece a A.C. O Gato pola súa actividade durante estes máis de 20 anos. Así que xa sabedes, achegarvos pola aldea e LUME VILARIÑO ¡¡¡
Susana Costas Pena
Presidenta da A.C O Gato, organizadores da Festa Folc de Vilariño.
-
Este autor non ten máis artigos.
Un comentario
A.C.E. A Dema do Hío e a Festa Area e Folk 2023 » A Illa dos Ratos
[…] agosto, para dar continuidade á Festa Folk de Vilariño que viña organizando a A.C O Gato, celebramos a Festa Area e folk 2023 en Vilariño, un festival […]